Coñecemos como traballa a empresa Madeiras Patiño de Carral (A Coruña), dedicada á xestión forestal dende hai máis de 60 anos. Ademais afondamos na opinión do seu responsable sobre a situación que atravesa o sector e as expectativas de futuro.
Pregunta: Cóntenos un pouco a historia da empresa.
Resposta: Madeiras Patiño é unha empresa familiar que comezou meu pai hai uns 60 anos, despois incorporeime eu e agora os meus fillos. Nestes intres hai 8 empregados pero tamén traballamos con persoas autónomas, fundamentalmente para aquelas tarefas que desenvolven no monte os motoserristas ou os tractoristas, que levan as súas ferramentas propias e cobran por tonelada.
P: De onde proceden os traballadores da empresa?
R: Máis da metade do noso cadro de persoal é de orixe estranxeira. No sector a maioría dos traballadores son peruanos e romaneses, nesta zona proceden fundamentalmente de Perú.
P: Que volume anual de negocio manexan e que tipo de traballos realizan?
R: A facturación anual está ao redor de 1,5 millóns de euros. Traballamos con todo tipo de madeira, pero as principais son de piñeiro e eucalipto, que van destinados á gran industria: ENCE, FINSA e Bosques do Atlántico. Tamén traballamos con diversas árbores frondosas, por exemplo, cortamos castiñeiros para un serradoiro de Lugo.
P: Como é o seu cliente tipo e como entran en contacto con el?
R: Traballamos fundamentalmente cos propietarios das parcelas. O procedemento habitual é que nos chaman, logo imos ás parcelas para ver como está a madeira, chegamos a un acordo co propietario, cortamos e levamos o material ás industrias. Case todo o mercamos por lote e traballamos principalmente nesta zona dos arredores de Carral, pero tamén chegamos á provincia de Lugo, como por exemplo, ás localidades de Vilalba, Friol ou Palas de Rei.
P: Nos últimos anos aumentou a superficie de monte certificada. Que vantaxes ven na certificación?
R: Ese é o tipo de madeiras que actualmente demanda o mercado. Cando vas cortar unha parcela, se a madeira está toda certificada, as diversas tamén saen certificadas. Incluso para o castiñeiro agora empezan a pedir madeira certificada.
P: Canto tempo levan traballando con ASEFOR?
R: Levamos con eles preto de 5 anos e estamos moi contentos porque a ferramenta que teñen, Bikenta, é unha marabilla. Hai moita xente que non ten localizadas as súas parcelas, aquí é unha zona de fincas moi pequenas e co estado actual do catastro, Bikenta axúdanos moito. Ademais, é complicado atopar os marcos, debido á maleza e outros xa desapareceron. Polo tanto, grazas a esta ferramenta de ASEFOR temos unha información máis clara para planificar os traballos. Outras vantaxes da ferramenta son as relacionadas co rexistro de solicitudes, así como o de albarás e demais documentación. En definitiva, é moi práctico e axiliza o proceso de certificación.
P: Cales son os principais problemas do sector?
R: O principal problema é atopar persoal, non hai xente que queira traballar no monte e menos que estea preparada, por iso a maioría dos empregados son estranxeiros.
Por outro lado, o tamaño das fincas é un problema importante. Deberíanse facer fincas grandes para facilitar o traballo, e ser máis eficaces e económicos. Se fixeran ben a parcelaria tamén suporía unha mellora nos accesos, na delimitación das lindes e demais.
En xeral cunha boa ordenación e xestión forestal, o sector melloraría. Sempre din que este sector é moi importante, que o monte produce moito, pero canto máis produciría se estivese como ten que estar.
Tamén é un problema a tramitación de solicitudes de tala. Estanse a retrasar moito as talas debido ao sistema actual, que non se corresponde o real en campo en canto á extensión, madeira…. Isto conleva desistimentos ou, alegacións, que significan retrasos significativos.
P: Unha das cuestións que comentan os propietarios das fincas é o mal estado no quedan. Critican que os madeiristas non as amañan e que os concellos se preocupan.
R: A maquinaria pesada que se emprega nos traballos forestais estraga os accesos, e máis tendo en conta que, xeralmente, o estado inicial xa non é bo. Ao final do traballo nós arranxamos a pista pero, para deixala como estaba, non botamos grava nin outro material similar. Se os camiños estaban ben, os camiños quedan ben. Os camiños son dos montes e estou de acordo en que hai que arranxalos, pero non poden esixir refacerlles os camiños.
P: O lume é outro dos problemas aos que se enfronta o monte.
Está demostrado: onde se está producindo madeira non hai un lume. Cando o monte da cartos non hai incendios, e máis non é que teña que estar todo o mundo alí limpando constantemente. Insisto, cunha boa parcelaria, con bosques e plantacións ben xestionadas e sostibles ademais de garantir reforestacións, garanten o bo estado e coidado dos montes. Cando o monte está abandonado o lume non hai quen o pare.
P: Cando fan unha corta nunha parcela, que fan coa biomasa?
R: Nós habitualmente trituramos, pero hai moita xente que a leva para Teixeiro, para a xeración de enerxía. Moita xente pídeche que a deixes no monte, como compost. Nós por exemplo non plantamos, para iso traballamos con outras empresas que o fan. Hai xente que che pide que lle plantes despois de rematar coa corta, algúns xa che din que o tritures todo e que quede na parcela, outros pedíanche que o levases. Eu do tema da enerxía non sei moito. En Teixeiro, cando estaban coas probas para a certificación, para que dera o pico alto de potencia, precisaran 4000 toneladas de biomasa, que é moita madeira.
P: Cales son as expectativas de futuro da súa empresa?
R: Acabamos de incorporar maquinaria nova, así que a idea é seguir adiante. Non me queda moito para xubilarme, pero conto que continúen os meus fillos. Este é un negocio bonito, como todo ten os seus inconvenientes, pero é un xeito de vida que penso que non se vai a quedar aquí, que o sector pode mellorar está claro, pero creo que en Galicia a industrial forestal ten unha gran importancia e é un dos sectores con máis futuro.
P: O sector, cara onde vai ir?
R: Para a celulosa vai continuar porque é a cousa fácil, agora é competencia da Xunta outorgarlle valor ao resto. Sempre se fala de que a xente só planta eucalipto ou pino, pero é que se a min me pagan ao mesmo prezo o eucalipto e o pino, pero as quendas de corta do eucalipto son da metade de tempo, onde está o negocio. Agora pídese moito o castiñeiro, pero como todo, ten os seus inconvenientes, moitas veces inviables y insostibles como salvar as pragas ou outras enfermidades, para despois, non antes de 50 ou 60 anos de traballalo non sacarlle rendemento ningún, moitas veces nin para os gastos, porque un castiñeiro que non ten cerna non ten alto valor económico. Creo que se deberían levar a cabo accións para que estas plantacións foran máis factibles, como axudas para a plantación e mantemento e facer algo para que as madeiras acaden un prezo digno.