Dende o Clúster Biomasa de Galicia ofrecen un enfoque moi transversal, para que todos os asociados se sentan cómodos. Como é un Clúster de recente creación, un dos principais obxectivos é seguir integrando a unha masa social para seguir crecendo, aberto a modular a súa mensaxe sen poñerse a si mesmos límites ou corpiños.
Teñen un camiño por percorrer, sendo nove entidades as que compoñían o Clúster no seu inicio, acadando 25 entidades a día de hoxe, con só uns meses de vida.
Pregunta: O Clúster da Biomasa de Galicia oficialmente constituíu a comezos de 2021 pero vós considerades que comezastes no 2020. Aínda non transcorreu moito tempo pero que balance podemos facer nestes primeiros meses de vida?
Resposta: O Clúster Biomasa de Galicia constituíuse oficialmente en febreiro de 2021, pero como xunta directiva levamos traballando dende setembro do 2020, unha vez que o noso propio colectivo como a Administración precisaban un interlocutor válido, xa que o resto de actores nos que a enerxía ten un papel fundamental estaban representados nun clúster pero non o sector da biomasa.
En 2011 tentouse promover un asociacionismo sectorial, pero debido á ambición da iniciativa, integrando a todo tipo de persoas, dende instaladores de estufa de pellets como propietarios forestais, non fraguou debido a esa disparidade de obxectivos. A base da nosa pirámide son os fabricantes ou elaboradores de produtos ou recursos, estando tamén representados fabricantes das astelas, de pellets, proveedores, distribución do combustible, instaladores e comercializadores e, ademais, as labores de enxeñería e consultoría, contando por outra banda con centros tecnolóxicos e universidades.
O balance de todo isto é moi positivo, xa que non pensabamos a repercusión que acadamos nestes nove meses, tanto a nivel de socios, como na sociedade e no propio sector, sen esquecer á Administración, coa que temos un trato exquisito.
P: Un dos obxectivos que ten o clúster é impulsar o uso das enerxías renovables. En que se centra o voso traballo neste eido?
R: Un dos requirimentos dos socios foi fomentar a comunicación entre as propias empresas que conforman o clúster para recoller e expresar unha mensaxe común como que a biomasa, a día de hoxe, xoga un papel fundamental e crítico na transición ecolóxica, que temos que abordar e nos obxectivos sobre neutralidade climática.
O que facemos é loitar pola representatividade que debe ter a biomasa nunha área xeográfica na que dispoñemos deste recurso e que ademais temos unha vantaxe competitiva respecto a outras zonas. Ademais, podemos ofrecer tanto á sociedade como á industria unha vía alternativa ás subas dos custos enerxéticos e ao pago por emisións de dióxido de carbono.
P: Cales son os principais retos que ten por diante agora o sector?
R: O primeiro é que a biomasa volva a estar nas axendas dos prescritores como solución viable, económica e sostible, para o aforro sobre todo na industria. Outro dos principais retos é que a Administración conte coa biomasa do mesmo xeito ca outras enerxías renovables, xogando un papel determinante desde o punto de vista das axudas ao uso de enerxía alternativa. Ata o de agora, a biomasa quedaba a un papel relegado respecto a uso destas enerxías e por iso queremos facer forza neste sentido.
Para finalizar, temos unha das misións máis importantes neste intre, que é colaborar coa Administración galega, máis concretamente coa Axencia Galega da Industria Forestal e o Inega como os nosos interlocutores, cos que debemos elaborar a nova Estratexia da Biomasa 2021-2027, reflectindo as necesidades do sector.
P: Entón os esforzos agora por parte do clúster están enfocados en desenvolver esa Estratexia da Biomasa 2021-2027.
R: Exacto, tanto na propia estratexia como os aportes que estamos a facer con GAIN na nova Estratexia de Especialización Intelixente en Investigación e Innovación ou RIS3, facendo que a biomasa teña, como mínimo, a mesma presenza que tiña na anterior RIS3 e que esa presenza non quede no papel, senón que se chegue a executar o que se contemplaba na anterior RIS3: implantación, desenvolvemento, I+D, novos equipos con menos emisións, ademais de máis eficientes… todo isto, que se poida levar a cabo.
P: Como consumidores finais, para facernos unha idea, entre que custos nos movemos para a instalación dun equipo de biomasa?
R: Vai depender moito do destinatario. Un equipo de biomasa pode ser unha estufa de aire quente instalada nunha casa que pode roldar os 1000-1500€, tamén podemos falar de caldeiras, que dependendo do grao de automatismos, podemos barallar escalas entre os 6 ou 13 mil euros, ou se falamos do sector terciario ou industrial é difícil dar un prezo porque ven dado pola demanda térmica da instalación ou dimensionamento do silo (polo tipo de combustible ou por tipo de tecnoloxía combinada con outros tipos de enerxía). Os aforros, en termos xerais, comparado co gasóleo, está en torno ao 50% e co gas en torno ao 40%.
P: As cifras de estes aforros poden ser sorprendentes…
R: Debemos pensar que unha das grandes vantaxes da biomasa é a súa estabilidade de prezos dende hai case 10 anos, con cambios de menos dun 3%, o que permite dar a sensación de tranquilidade tanto a un usuario final ou na industria, sabendo que os seus custos van a estar totalmente controlados con este tipo de solucións. Ningunha outra enerxía ten a estabilidade que ten a biomasa. A nós gústanos falar de enerxía de quilómetro 0 porque é unha enerxía do país, quentarse co noso, cos nosos recursos.
P: Dende AVEBIOM afirman que durante este ano e no 2022 serán exercicios récord na instalación de equipos de biomasa. En Galicia percibiuse esta tendencia?
R: Si, no noso sector, cando os custos doutras alternativas enerxéticas encarécense, temos unha repunta na demanda da nosa tecnoloxía. Ademais nótase moito o efecto da pandemia, que provocou que todos nós precisabamos gañar metros habitables nas nosas casas, espazo e confort. Un xeito doado de conseguilo é dotar ao espazo dunha estufa de pellets. No sector residencial hai un incremento considerable e na industria comézase agora a notar esa suba na demanda. En Galicia, ademais, viuse un claro apoio por parte da Administración coa Estratexia 2014-20, conformándose coas axudas á instalación destas solucións.
P: Onde podemos ver maior desenvolvemento da biomasa en Galicia en termos particulares?
R: Podemos ver unha maior evolución na substitución de caldeiras de gasóleo, tanto en actuacións de vivendas unifamiliares, cambiando calefactores ou xeradores de enerxía, como a nivel de calefacción colectiva, dunha comunidade de veciños. Un dos aspectos que a administración está a desenvolver é o que chamamos as redes de calor, unha unidade de xeración térmica que quente ou ceda enerxía a unha rede próxima de centros públicos ou privados. Un exemplo témolo en Silleda, onde entran o Concello, a piscina, escolas e xardín de infancia. Na Xunqueira en Pontevedra tamén se están a quecer cunha central térmica de biomasa.