Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

O Plan Estratéxico 2022-2025 do Clúster da Biomasa impulsará o uso das enerxías renovables

O documento recolle ata 22 iniciativas para converter á biomasa nun sector máis innovador, competitivo e contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia 

 

Dende o Clúster aseguran que a biomasa crea emprego na contorna rural e é unha peza clave para alcanzar a neutralidade climática 

 

O Clúster da Biomasa de Galicia ten en marcha o seu Plan Estratéxico 2022-2025, un documento que recolle ata un total de 22 iniciativas agrupadas en diferentes eixos e cuxo obxectivo final é impulsar o uso das enerxías renovables e a defensa os intereses do sector.  

O presidente da entidade, Francisco Álvarez, destaca que “a biomasa, como recurso propio, ofrece numerosas vantaxes, desde a creación de postos de traballo na contorna rural, ata a conservación dos montes e por outra parte, contribuirá á consecución dos obxectivos de neutralidade climática”. Ademais, Francisco Álvarez defende “a biomasa como alternativa de enerxía sostible e comprometida coa protección do medio ambiente e con Galicia”.  

 

O camiño para lograr un sector máis competitivo 

Unha das prioridades do Plan Estratéxico é o impulso da innovación e a transferencia tecnolóxica. Neste sentido, o Clúster  traballa na creación dunha unidade de captación de financiamento europeo para proxectos de I+D+i e na posta en marcha dun servizo de vixilancia tecnolóxica, que traslade ás empresas do sector as últimas tendencias. A entidade impulsará tamén un espazo de demostración tecnolóxica en colaboración coa Universidade de Vigo.  

Por outra banda, o documento estratéxico pretende fomentar a cooperación entre as empresas do sector a través da organización dun Foro anual e mediante a creación de alianzas estratéxicas entre os seus socios e demais axentes implicados.  

Ademais, o Plan Estratéxico do Clúster da Biomasa aspira a contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia. Para iso, a entidade estreitará os seus lazos cos centros de investigación e coas universidades. “O obxectivo é facer máis atractivo o sector para futuros profesionais”, explica o presidente do Clúster, “entre outras actuacións achegaremos a biomasa a titulacións como a arquitectura ou as enxeñerías”.   

O Plan tamén impulsará o uso da biomasa como fonte de enerxía térmica na actividade industrial e no turismo. Outra das accións incluídas no documento é a posta en marcha de iniciativas que impulsen o acceso a mercados internacionais, a través de misións comerciais ou da participación en feiras internacionais, entre outras medidas.  

O impulso da formación e a mellora do talento humano é outro dos aspectos recollidos no Plan Estratéxico do Clúster da Biomasa. Para iso, a entidade pon en marcha xornadas formativas dirixidas a mellorar a capacitación dos operarios. O obxectivo é profesionalizar o sector biomasa-forestal e asegurar a súa continuidade con novos traballadores. 

A folla de ruta fixada polo Clúster para os próximos anos establece tamén a consolidación do sector e o seu recoñecemento, tanto en Galicia como máis aló das nosas fronteiras. Tamén contempla un reforzo das relacións coas administracións a nivel local, rexional e nacional, e un aumento da concienciación social sobre o potencial da biomasa como fonte de enerxía ante a escalada de prezos dos combustibles fósiles. 

 

A colaboración, clave para aumentar a competitividade 

Á presentación do Plan Estratéxico asistiu a director da área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Norberto Penedo indicou que “o Clúster da Biomasa é un exemplo claro de que a colaboración é clave para que sexamos máis competitivos”. Neste sentido, fixo referencia ás axudas do Igape para impulsar o crecemento das pemes galegas.  

Pola súa banda, a Directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) puxo en valor a importancia do Clúster da Biomasa de Galicia. Neste sentido, Inés Santé, subliñou que “o convenio asinado entre a entidade e Agader permitirá impulsar proxectos que poñan en valor a biomasa; un sector que impacta positivamente no rural e fortalece da autosuficiencia enerxética”.  

 

O sector da biomasa en Galicia 

Galicia, como líder e referente no sector forestal, tamén o pretende ser na valorización enerxética da biomasa. As empresas do sector apostan polo aproveitamento sostible e de calidade certificada, aspecto que avala a calidade da materia prima e ofrece un valor engadido respecto a a produción obtida noutras rexións do país.  

Desde o ano 2014, miles de fogares e industrias galegas benefícianse dos importantes aforros económicos, coidando ademais da nosa contorna.Estímase, ademais, que o sector da biomasa dá traballo a case 3.500 persoas en Galicia.