Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

O futuro ten que ser sustentable, é o único posible 

Mudar o noso mundo é o propósito que perseguen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, os ODS, marcados polas Nacións Unidas hai agora algo máis de 7 anos. Son un total de 17 metas que definen o mapa que queremos para o ano 2030. Precisamente, un deses obxectivos é o que fai referencia á enerxía asequible e non contamimante; en definitiva, a aposta firme por un novo modelo enerxético que deixe de lado os combustibles fósiles.   

Neste camiño as enerxías renovables, baseadas no uso de recursos naturais, son a saída. E é que non hai marcha atrás: o futuro da humanidade e do planeta dependerán do xeito no que orixinemos a enerxía. Boa proba diso reflíctese na recente advertencia da Axencia Internacional da Enerxía (IAE); e é que segundo as súas previsións, o mundo debe cuadriplicar o ritmo anual de incremento de enerxías renovables. Non é necesario que a chamada de atención chegue por parte dos organismos; é algo que vemos claramente no medio da crise enerxética que nos toca vivir e que está deixando en evidencia as debilidades e as vulnerabilidades dun sistema que dependía dos combustibles do século XX.  

Pero é que os beneficios das renovables van máis alá. Transitar cara este tipo de enerxías é a opción estratéxica para poder crear novos postos de traballo, lograr crecemento económico e tamén para conseguir un medio ambiente máis limpo.  Dende a asociación Bioeco2 e o Clúster da Biomasa de Galicia somos plenamente conscientes do reto que temos por diante. Por iso, as dúas entidades apostamos por unir esforzos e dar resposta ao impulso das enerxías renovables e á loita contra o cambio climático.  

Témolo claro: é momento de pisar o acelerador para dirixírmonos cara unha enerxía limpa e sustentable. Só así imos lograr unha seguridade enerxética que sexa duradeira.