O futuro dos nosos montes é de todos

Máis do 91% dos propietarios forestais considera que certificarse é beneficioso na súa actividade

En 2019, Asefor fixo público un informe de análise mediante enquisas, co obxectivo de coñecer as claves da relación entre propietarios forestais coas súas propiedades no territorio galego, que tiña comezado un ano antes. Este traballo centrábase na obtención de información para incorporar coñecemento sobre dinámicas socioeconómicas e ambientais que interveñen na xestión forestal en Galicia, coa fin de atopar datos que axuden elaborar políticas acordes cos retos globais antes indicados, e adoptar solucións a problemas concretos; usos, abandono, conservación, minifundio, relevo xeracional, mercados, etc.

Logo dunha serie de melloras na estrutura da preguntas, continuaron a facer este análise cada vez que tramitan unha alta en certificación forestal no Grupo Alvariza. Un ano máis, proceden a mostrar os resultados estatísticos elaborados xunto coa empresa biotecnolóxica Biostatech, das miles de enquisas realizadas.

Deste xeito, séguese coa estratexia de extensión forestal, divulgación e posta en valor do coñecemento adquirido por Asefor, buscando un impacto positivo no territorio. Debido a que 2020 foi moi especial a causa do Covid-19, crese que a enquisa 19/20 adquire un valor singular. A enquisa está integrada na plataforma dixital de Asefor, o que garante a comprobación das respostas en aspectos como modelo silvícola, valores da explotación forestal, etc.

Estrutura da enquisa a membros do Grupo Alvariza de Certificación Forestal

A enquisa abórdase en dous bloques. Análise descritiva, na que se utilizan mapas de posición xeográfica e unha análise exploratoria, na que se describen en histogramas ou sectores outro tipo de aspectos.

No primeiro bloque, establécense preguntas sobre nivel de estudos, a facilidade de uso de Bikenta, o grao de coñecemento dos selos FSC e PEFC, a influencia do eucalipto no monte, a orixe dos incendios forestais, se no futuro plantarase algunha especie de piñeiro, a relación coa solicitude (propietario/xestor), se estaría disposto a alugar as propiedades e se hai relevo familiar.

Nesta primeira tanda de preguntas, as respostas de cada enquisa están rexistradas en función da localización das parcelas que ten cada propietario, grazas a que todo o sistema de datos se atopa nun entorno xeo-referenciado. Estas preguntas móstranse a nivel comarca.

Por outra banda, no bloque 2 o obxectivo é realizar unha análise descritiva das enquisas realizadas, coas seguintes preguntas: xénero, profesión, sector, zona de residencia, descendencia, realización de traballos nas parcelas, contratación de empresas, cantas propiedades ten, extensión total das propiedades, uso das propiedades, e preguntas sobre a certificación e sobre se Bikenta o axuda coa xestión.

Unha mostra que abrangue 1524 enquisas

A mostra está composta polos xestores forestais (maioritariamente propietarios) visitados durante as tramitacións das altas do Grupo Alvariza, os cales accederon a cubrir a enquisa a petición do persoal de Asefor. A maioría das persoas que participaron na enquisa realizaron algunha venda de madeira entre os anos 2019 e 2020, toda ela certificada en xestión forestal sustentable.

As enquisas tidas en conta son as máis actualizadas, levadas a cabo entre agosto do ano 2019 e novembro do ano año 2020. Hai un total de 1524 enquisas completadas. Os mapas e táboas que se atopan no informe final de Bikenta foron realizados a nivel parcela e non a nivel enquisa, é dicir, para a clasificación por comarcas ou provincias tomouse a parcela (n número de parcelas por enquisa) como a unidade a hora de mirar a localización xeográfica.

É frecuente que un propietario (unha enquisa) teña máis de unha propiedade para tramitar a alta en Alvariza, e nestes casos realízase unha enquisa pero cada parcela suma 1 ao tamaño da mostra. Isto provoca que non coincidan o número de enquisas no desagregado por provincias e/ou comarcas.

Coñecendo o perfil dos membros do Grupo Alvariza

O 51,56% dos membros teñen estudos primarios, aínda que consideran que Bikenta é doado de usar, cun 73% de respostas afirmativas. Bikenta é o aplicativo de xestión forestal gratuíto onde acceden os propietarios forestais, e proporcionase acceso ao Membro de Alvariza logo de completar unha solicitude. Neste momento realízase unha formación sobre o seu uso e servizos que ofrece.

Cunha proporción similar, tres cuartas partes da poboación que realizou a enquisa non coñecía as certificacións FSC e PEFC. Ante a percepción por parte do propietario forestal sobre a influencia do eucalipto no monte, hai de xeito maioritario respostas positivas (68,1%). Nas provincias e comarcas existe unha certa polaridade espacial das respostas, que pode ser debida diversos factores, como a profesionalización dos propietarios, incendios forestais, uso da superficie forestal, etc. Apréciase que na metade norte de Galicia a percepción dos propietarios sobre o eucalipto é máis positiva que no sur.

Segue a tendencia a repoboar con especies diferentes ao piñeiro cun 58,41% das respostas totais. Apréciase, igualmente, unha distribución espacial que indica un maior uso das coníferas maior na zona central de Galicia.

As respostas sobre se estarían dispostos a alugar as propiedades indica, cun 74%, que non. As provincias de Pontevedra e Ourense están máis predispostas a alugar e constátase un maior peso en continuar coa xestión directa nas propiedades particulares forestais en Lugo e Coruña norte.

Un 75,1% das persoas din realizar rozas nas súas parcelas ou montes. Esta cuestión trata de analizar o grao de participación directa na xestión forestal por parte dos propietarios. Neste caso, tense en conta tanto o traballo por medios propios como contratados para tales fins porque non queda o suficientemente especificado na formulación da pregunta.

Moi preto do 100% aseguran que os servizos contratados máis frecuentes son rozas e plantacións para actividades relacionadas coa xestión forestal e unha grande maioría (91,5%) considera, logo da formación por parte dos técnicos de Asefor que a certificación é beneficiosa na súa actividade.