Actualmente, no contexto de cambio climático, desde todos os países promóvese e búscase unha maior utilización da madeira no sector da construción por ser un material sostible.
Os produtos técnicos de madeira para construción están feitos principalmente con madeiras brandas (coníferas). Non obstante, os bosques de coníferas a nivel europeo comezaron a diminuír substancialmente a causa das pragas e o efecto da seca, polo tanto agárdase de xeito inminente unha brecha na subministración de materias primas de coníferas no continente, principalmente Picea abies e P. sylvestris. En consecuencia, un déficit destes produtos de madeira estrutural que hoxe en día impórtanse de Europa.
Neste sentido, a produción de madeira maciza e técnica para o uso estrutural, madeira laminada e CLT é unha opción moi interesante para o Piñeiro de Galicia, o que vai permitir acadar maior valor engadido e maior rendibilidade a toda a cadea.
Por outra banda, as súas propiedades tecnolóxicas superan á Picea e está clasificado na normativa coma unha madeira estrutural con clase resistente media-alta. Recentemente, xeráronse empresas, aínda incipientes, que apostan polo desenvolvemento de produtos técnicos de madeira estrutural na nosa rexión.
Dende Madeira+ consideran fundamental realizar unha caracterización da madeira ao longo da cadea de subministración de cara a maximizar a calidade final da madeira procesada, reducir a porcentaxe de rexeite e optimizar a calidade do produto final.
Métodos indirectos de predición de propiedades tecnolóxicas dende o monte
As propiedades determinantes do uso estrutural da madeira son o módulo de elasticidade, o de rotura e a densidade da madeira. De entre elas, a característica que máis limita é o módulo de elasticidade (MOE), que é a resistencia que exerce un material a ser deformado cando se lle aplica unha forza.
O MOE pode ser avaliado de forma estática e destrutiva mediante ensaios da madeira a flexión ata rotura en laboratorio (módulo de elasticidade estático, MOE) ou de xeito dinámico, non destrutiva, a partires da avaliación da frecuencia de vibración das súas partículas ou medindo a velocidade de desprazamento dunha onda dentro de dito material (módulo de elasticidade dinámico, MOEdyn – Teoría rixidez/onda).
Actualmente, acéptase o uso de medicións sónicas non destrutivas para predicir o módulo de elasticidade sobre madeira serrada mediante o módulo de elasticidade dinámico, que tamén sirve para caracterizar a madeira na troza e na árbore. Así, partir da velocidade e do valor de densidade calcúlase o módulo dinámico mediante a seguinte fórmula:
MOEdin=V2 * ρ
Sendo V a velocidade de desprazamento de onda acústica no interior da madeira en sentido lonxitudinal da fibra e ρ a densidade da madeira no momento de medición. Grazas á captura de milleiros de datos en diferentes parcelas ao longo de toda a área de distribución do Piñeiro de Galicia en Madeira+, tras 10 anos traballando nesta metodoloxía, puideron relacionar os resultados do módulo de elasticidade dinámico con diversas variables selvícolas da masa e de calidade de estación, e con valores reais do módulo de elasticidade en táboa.
Nestes intres, contan con algoritmos que permiten predicir o módulo de elasticidade da madeira dunha masa calquera de Piñeiro de Galicia en base a diferentes datos de entrada.
Isto deu lugar a unha ferramenta GIS, aloxada nunha plataforma la nube, que permite obter o módulo de elasticidade da madeira a partires de algoritmos de predición que inclúen diferentes variables asociadas coa calidade de estación, variables dasométricas da masa ou ben medicións sónicas sobre a árbore en pé. Ditos algoritmos están a ser optimizados a partires de datos obtidos en monte, en troza e en táboa, tras o serrado e clasificación de calidade.
O obxectivo final do visor é que o usuario poida acceder e incluír a posición da súa parcela, así como outras variables descritivas da árbore e masa. Os resultados de predición da calidade da madeira amosarán ao usuario, indicando o nivel de precisión, en función das variables completadas. A predición de calidade permitirá ao usuario valorar a adecuación da madeira da súa parcela para diferentes destinos e optimizar a cadea de subministración á industria.
Actualmente, existe unha versión beta á que se pode acceder a través da seguinte ligazón: http://uxfsort.usc.es/index.html