O sistema de certificación forestal PEFC, o Programa para o Recoñecemento de Certificación Forestal (PEFC – Programme for the Endorsement of Forest Certification) cumpre rigorosos criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica.
PEFC é unha organización global sen ánimo de lucro formada por países que crean unha alianza mundial para promover a xestión forestal sostible. Cunha perspectiva local e a través da certificación dos bosques, dos seus produtos e do seu proceso de transformación, o sistema PEFC, asegura a conservación e o aproveitamento sostible das masas forestais e a súa biodiversidade e a protección dos servizos ecosistémicos e considérase como unha opción para os pequenos propietarios forestales.
Así mesmo, contribúe ao desenvolvemento rural preservando as funcións ambientais e sociais e, todo iso, baixo criterios de sustentabilidade recoñecidos e consensuados a nivel internacional.
Máis de 330 millóns de hectáreas de bosque están certificadas baixo o Sistema PEFC no mundo abastecendo a preto de 23.000 empresas certificadas en Cadea de Custodia PEFC e posicionándose, así, como líder global en dispoñibilidade de produtos con orixe sostible.
Certificar e xestionar de maneira sostible significa comprometerse cos valores naturais dos bosques, a protección dos seus recursos, o aproveitamento responsable, o benestar social e a sustentabilidade en toda a cadea de valor para asegurar unha trazabilidade desde o bosque ata o consumidor final.
PEFC dá resposta a estas necesidades de protección e aproveitamento responsable dos montes mediante a certificación de Xestión Forestal Sostible e Cadea de Custodia co cumprimento de rigorosos criterios e indicadores tanto propios, como establecidos por normativas nacionais e internacionais.
No noso país, o Sistema Español de Certificación Forestal PEFC baséase na Norma nacional UNE 162.002 de Criterios e indicadores Xestión Forestal Sostible e cumpre, ademais, os 8 principios fundamentais da Organización internacional do Traballo, respectados en todos os elos da cadea de valor dos produtos forestais. Para avalar as boas prácticas, realízanse auditorías anuais por unha terceira parte independente, xerando así confianza no selo de certificación e transparencia.
En España, certificáronse xa 2.506.989 hectáreas baixo o Sistema PEFC grazas ao compromiso de 46.958 selvicultores, propietarios e xestores forestais que optaron por xestionar os seus montes de forma responsable. 1.624 empresas confían na certificación de Cadea de Custodia PEFC e conseguen así, prover de produtos forestais con orixe sostible a un mercado cada vez máis concienciado coa sustentabilidade e a trazabilidade dos produtos naturais e renovables.
A nivel autonómico, Galicia rexistra o maior crecemento anual de montes adheridos ao sistema de certificación forestal PEFC. En 2020, o 60% do crecemento neto da superficie certificada PEFC atopábase nos montes galegos. A día de hoxe, Galicia conta con 281.773 hectáreas de monte certificado, das cales máis do 90% son de propiedade privada, o que reflicte a tradición e o compromiso dos propietarios e selvicultores galegos por coidar os bosques.
Detrás desta superficie hai máis de 35.500 propietarios públicos e privados que se involucran na xestión forestal sostible e activa, e traballan por poñer en valor os bosques e a súa resiliencia.
Cabe subliñar que, para iso, hai un total de 14 entidades solicitantes da certificación PEFC que operan en Galicia: 1 entidade rexional, 2 entidades individuais e o resto con modalidade de grupo. As modalidades rexional e de grupo destacan por facer accesible a certificación forestal PEFC aos todos selvicultores.
Dentro da propia web de PEFC España, pódese facer unha procura no seu buscador, xa que ten bases de datos completas para garantir un acceso doado á información relevante sobre titulares dos certificados, usuarios de logotipos e etiquetas, produtos certificados, organismos de certificación acreditados e esquemas de certificación nacionais avalados polo propio PEFC.
A comunidade autónoma de Galicia reparte as hectáreas certificadas PEFC entre as súas provincias de maneira similar, sendo Ourense a de maior extensión (77.439 ha), seguida de Lugo (76.165 ha), da Coruña (63.323 ha) e, por último, de Pontevedra (46.825).
En canto á distribución de masas forestais certificadas desta comunidade, predominan os eucaliptales abarcando o 47%, os piñeirais o 29%, e o restante 24% son masas de frondosas, vexetación de ribeira e pastos.
No marco das políticas europeas e os fondos de recuperación Next Generation EU, a xestión forestal sostible xoga un papel esencial como ferramenta para a mitigación do cambio climático, polo que apoiar e impulsar a certificación forestal, será clave no desenvolvemento sostible e a bioeconomía, axudando tamén aos pequenos produtores e empresas a mellorar a súa situación e as súas oportunidades nos mercados e, con todo iso, progresar cara á recuperación verde.
PEFC é o sistema de certificación forestal máis implantado a nivel internacional. Como organización non gobernamental sen ánimo de lucro, traballa para asegurar unha sustentabilidade forestal con perspectiva local que xere beneficios para todos, polo que anima a todos os usuarios a que busquen a etiqueta PEFC nos produtos forestais, un dos xeitos máis doados de axudar a protexer os bosques.
A etiqueta PEFC garante que o material forestal do produto provén dun bosque certificado PEFC que se xestiona de acordo con todos os requisitos ambientais, sociais e económicos máis estritos. Un bosque que se vai conservar para as futuras xeracións.
Ademais, cabe salientar que a certificación da cadea de custodia FEFC está dispoñible para todas as empresas que fabrican, procesan, comercializan ou venden produtos forestais, proporcionando unha garantía verificada e independente de que os produtos coa etiqueta PEFC conteñen material forestal certificado procedente de bosques xestionados de forma sostible.
Por outra banda, permite demostrar aos clientes das diferentes empresas a procedencia legal e sostible dos produtos forestais e proporciona unha variedade de vantaxes que axudan ao medio ambiente, ás persoas e aos negocios como o acceso a novos mercados e o cumprimento da lexislación.