O despoboamento rural é un fenómeno presente en Galicia; ao tempo, é unha realidade que preocupa. A nosa é a comunidade autónoma de España con más núcleos de población sen habitantes, unha situación que se agrava nas provincias do interior. É o que se tira dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). En termos xerais, Galicia perde poboación e o envellecemento é cada vez máis evidente.
Con todo, e a pesar deste panorama, o que está claro é que o mundo agrario revélase como o actor fundamental para dar resposta ao reto demográfico e tamén para garantir a seguridade alimentaria da poboación.
O mundo rural ten un rol determinante, agora máis que nunca, para abaratar o prezo da cesta da compra. Está claro que se non hai vida rural, non existe agricultura, pechan as granxas, os campos quedan totalmente abandonados. A día de hoxe, asistimos a un verdadeiro reto demográfico para manter activo o noso medio rural.
Precisamente o despoboamento rural é unha das cuestións que se abordou durante o V Congreso Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, unha cita que se celebrou en Lleida o pasado mes de setembro baixo o lema Solucións da enxeñería agrónoma para o reto demográfico.
A cita reuniu, durante varias xornadas, a todos os axentes implicados no desenvolvemento da actividade agroalimentaria. Nesta xuntanza tiveron un papel protagonista o uso das solucións tecnolóxicas. Por outra parte, contexto internacional que estamos vivindo, o cambio climático ou o acceso ás materias primas tamén centraron o debate dos especialistas.
A aportación galega para dar vida ao mundo rural
Galicia tamén estivo presente no Congreso Nacional de Enxeñeiros Agrónomos. En Lleida, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor as máis de 9.300 hectáreas que están sendo mobilizadas a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no seu primeiro ano de vixencia. A directora xeral explicou que esta norma ten o propósito de poñer a producir as terras arestora abandonadas.
Neste senso, Inés Santé destacou a boa acollida que tiveron os diversos instrumentos de mobilización de terras, tales como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, cos que se consegue recuperar espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis axeitado. Ademais, insistiu, en que se dinamiza o territorio e se xera actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.
A día de hoxe hai 21 polígonos de iniciativa pública en Galicia, desa cantidade, 10 están xa iniciados e 11 están en fase de actuacións previas. A isto, súmanse outras 21 aldeas modelo aprobadas. Entre ámbolos dous instrumentos de recuperación beneficianse máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.
Unha cuestión, precisou Santé, que ten moito peso se temos en conta a estrutura complexa da propiedade en Galicia. Así, lembrou que na nosa comunidade hai máis de 11 millóns de parcelas propiedade de 1,6 millóns de titulares individuais e cuxa superficie media oscila os 2.500 metros cadrados. Ante iso, salientou, é preciso impulsar ferramentas que poñan a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. Precisamente, ese é o fin principal dos polígonos agroforestais, que se complementan tamén coas aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta.
Dar continuidade ás explotacións
Durante a súa presentación, Inés Santé salientou que a lei promove tamén a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Neste senso, indicou que a través do Banco de Terras de Galicia estase a fomentar o acceso á terra para toda aquela persoa que desexe dedicarse á actividade agroforestal.
Ademais, a Xunta tamén traballa na posta en marcha do Banco de Explotacións, que pretende favorecer a remuda xeracional no agro galego.
Así, o Banco de Explotacións será un instrumento público de mediación coa finalidade de facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade, e persoas interesadas na súa incorporación, co obxectivo de garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono das terras que as conforman.
Entre as súas funcións, o Banco encargarase de elaborar e publicar un listado actualizado das explotacións susceptibles de mediación, así como de facilitar o labor de mediación, poñendo á disposición das persoas interesadas a información vinculada ás explotacións incluídas. O obxectivo é que esa información sexa de utilidade na consecución de negocios de cesión ou arrendamento entre as persoas titulares e as interesadas.
Catálogo de solos agropecuarios e forestais
Por último, a directora xeral tamén incidiu en que, a través da Lei de recuperación, estase traballando na creación dun Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia.
En relación á identificación e á ordenación de usos, tamén se prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais.
Desta forma, salientou Santé, clasificarase a totalidade dos terreos en agropecuarios ou forestais, analizando os factores que condicionan a aptitude da terra e deixando claro os usos permitidos, prohibidos e autorizables en cada caso.
O congreso, no que participaron 300 enxeñeiros agrónomos, foi clausurado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.