Laura Lozano, directora comercial da empresa lucense Maderas Goiriz, cóntanos como é o seu día a día na empresa familiar e aborda a situación actual do sector forestal galego e algúns dos retos que se lle presentan.
Laura Lozano ten claro que o seu é o sector forestal. En certo modo lévao no sangue, xa que é a cuarta xeración de Maderas Goiriz. Esta empresa familiar comezou coma boa parte dos serradoiros galegos, a pé do monte e da aldea, neste caso na parroquia de Goiriz, en Vilalba (Lugo). Os pais de Laura decidiron a finais dos anos 80 trasladarse ó polígono industrial onde se atopan hoxe, coa intención de seguir medrando.
Hoxe xunto con Laura, tamén o seu irmán José segue co negocio familiar, á fronte do cal se atopa seu pai. Con Laura coñecemos máis desta empresa e dalgúns dos retos que se lle presentan ó sector forestal.
R. Es a cuarta xeración desta empresa familiar, incorporarte á empresa parece case un paso lóxico, cando empezaches a traballar en Maderas Goiriz?
P. Eu empecei no 2013 e levo a parte comercial, como encargada de vendas. Aínda que ó ser unha empresa familiar acabas traballando onde te precisan.
R. Como valoras o teu día a día na compañía?
P. Gústame moito a parte comercial porque me permite estar en contacto directo cos clientes. Exportamos moito e ó estar neste departamento tamén me permite visitar ós clientes doutros países ou doutras partes de España, aínda que coa pandemia estes encontros directos con clientes e proveedores reducíronse. Estar en contacto con outra xente do sector permíteche unha aprendizaxe diaria.
“Sempre tentamos buscarlle o maior valor engadido á madeira”
R. Cales son as liñas de negocio nas que vos centrades en Maderas Goiriz?
P. Sempre tentamos a buscarlle o maior valor engadido á madeira. O proceso comeza xa coa explotación forestal, é dicir coa compra de madeira en pé ós propietarios forestais, madeira que logo cortamos coas nosas procesadoras. Para o serradoiro traemos a rolla de calidade e o resto vendémolo a outras industrias de taboleiro. A madeira que entra na fábrica procuramos que sexa da maior calidade para evitar desperdicios a causa de nos ou outros defectos.
Con esa madeira que nos entra no serradoiro facemos táboa e taboleiro, tanto para carpintería coma para fábrica de CLT ou o que nos requira o mercado, e tentamos ademais darlle unha segunda transformación noutro tipo de produtos. Agora mesmo estamos facendo moito cuadradillo para as caixas da froita. O que adoitamos exportar é o taboleiro que facemos para formigón pequeno, que é tamén a liña na que máis estamos centrados.
R. Con que madeiras traballades?
P. Traballamos só con madeira de piñeiro galega e de proximidade. Sobre todo serramos piñeiro radiata e pino do país e, en menor medida, silvestre, xa que hai menos. Mercamos nun radio duns 90 quilómetros cadrados á redonda do serradoiro.
R. Conseguides atopar a madeira acorde ó que vos pide o mercado?
P. Estamos traballando co que nos chega, pero é importante que dende todos os elos da cadea, empezando polos propietarios forestais e coa implicación de todos, se traballe na mellora da calidade da madeira de piñeiro.
Se se mellora a calidade da madeira repercutirá directamente en todos, podendo pagar máis a madeira no monte e podendo facer produtos de maior valor engadido e con menos desperdicio para os serradoiros e as industrias transformadoras. Tampouco é unha decisión que sirva tomar unha empresa soa ou unha parte soa do sector, debe ser un esforzo de todos para que se vexan resultados.
Agora mesmo nos serradoiros estanse facendo os produtos que se poden coa madeira que temos, pero se conseguimos mellorar poderemos ter outras vantaxes que tamén van repercutir no propietario forestal e noutras industrias. Nese sentido son importantes os esforzos que se están facendo dende a Fundación Arume para contar con planta mellorada e ó impulsar a marca de calidade Pino de Galicia.
Os propietarios forestais precisan poder ter acceso a planta mellorada, facer unha silvicultura axeitada e despois os serradoiros e industrias temos que ser capaces de aproveitar o máximo esa madeira para ter bos rendementos e ser competitivos con outras especies.
A nós gustaríanos contar con madeira de mellor calidade, porque no día a día atopámonos con dificultades que reducen o aproveitamento da madeira. Sería interesante ter madeira galega de máis calidade para ser competitivos coas coníferas do norte de Europa.
R. Levades tempo traballando en produtos innovadores como o taboleiro de CLT, que fabrica Xilonor, como comezastes a apostar por eles?
P. Nós somos provedores de madeira, coma outros serradoiros. Demándannos madeira de certos requisitos mínimos aptos para madeira estrutural.
R. Buscades outras novas liñas de negocio similares ou de maior valor engadido?
P. Si que estamos valorando outras liñas para diversificar e procurando produtos cun maior valor engadido, pero polo momento son só ideas sobre as que traballar. Tamén estamos sempre tentando optimizar os nosos procesos produtivos. Estamos moi pendentes de introducir innovacións no serradoiro que poidan mellorar o día a día e facernos máis competitivos.
A verdade é que nestes momentos, tódolos serradoiros estamos nun momento dunha alta demanda de produtos, e xa custa atender esta gran demanda e moito más pensar a longo prazo ou noutras liñas de negocio. Estamos moi centrados en poder cumprir cos nosos clientes.
R. En que mercados estades operando?
P. A metade da nosa produción expórtase sobre todo para Europa, en países como Francia e Italia, así como na zona do Magreb e Centroamérica. Polo tipo de produto que vendemos, cunha alta durabilidade, o noso cliente tarda en volver mercar, o que fai que varíe o destino da madeira que procesamos.
R. Demandan os mercados as certificacións forestais?
P. Traballamos con certificación FSC e PEFC. As fábricas de taboleiro, ós que lle vendemos dende puntal a todo o produto que non podemos procesar no serradoiro, demándannos que sexa madeira certificada. Aínda que hai clientes que nolo piden, aínda son moi poucos. Entendemos que chegará un momento en que toda a madeira que se comercialice sexa certificada, por iso traballamos xa nesa dirección, pero aínda está moi lonxe porque non hai esa demanda por parte dos mercados.
R. Os acontecementos dos últimos meses a nivel internacional marcaron os ritmos dos mercados, como vos afectou?
P. Un dos temas que máis nos afectou foi o incremento dos custos dos fletes, ata o punto que algúns dos clientes que temos en países como México decidiron agardar á hora de facer pedidos debido ó alto prezo que lle supoñía o transporte. Ademais do incremento do prezo, os prazos de espera podían supoñer varios meses e sen asegurar nin sequera que nese momento puideras cargar. Volveuse case unha poxa. É verdade que algúns mercados están bastante estables, pero noutros segue a haber esa problemática.
“Se conseguimos manter os bos prezos para a madeira, será o xeito para ter un monte aproveitado e equilibrado, onde haxa espazo para diversidade de especies”
R. E a suba dos prezos da madeira? Mantense a tendencia á alza?
P. Dende setembro do ano pasado, co chamado efecto palé, pola alta demanda que tivo este tipo de transformación, houbo escaseza de madeira de toda Europa. Agora mesmo, aínda que en Galicia non o estamos a notar polo momento, noutros mercados como o americano xa se está apreciando unha baixada dos prezos da madeira. É certo que non se volveu ós prezos previos a estas subas, pero xa baixou, e a tendencia a curto prazo tamén parece ser á baixa.
Por agora séguese con prezos altos en Galicia e nós tentamos repercutir ese prezo alto tamén nos prezos que pagamos ós produtores forestais e tamén estamos obrigados a transmitírllelo ó cliente, aínda que moitos mantéñense á espera por se se produce esa baixada. O positivo é que por fin podemos satisfacer as necesidades económicas do propietario forestal, de xeito que o animamos a seguir plantando coníferas, xa que son unha especie que ten moitos aproveitamentos máis alá da táboa, dende celulosas ou o seu uso para fins estruturais.
As coníferas teñen unha venda asegurada no futuro. Se conseguimos manter os bos prezos para a madeira será o xeito para ter un monte aproveitado e equilibrado onde haxa espazo para diversidade de especies.
R. Como ves o futuro da empresa e do sector forestal?
P. O futuro da empresa está ligado ó futuro do sector forestal e son completamente optimista. A madeira vai ser un gran aliado nalgúns dos retos que se lle presentan á sociedade, como é o cambio climático. O sector forestal e as coníferas van ter un futuro próspero e agora é tempo de adaptarnos para asumir os retos que se presentan. É tempo de plantar para dentro duns anos ter madeira coa que traballar. Creo que hai que centrarse en traballar co propietario, que vai ser fundamental, e mentres tanto a industria adaptarnos para poder aproveitar despois esa madeira.
“Fáltanos seguir traballando por trasladarlle á sociedade a contribución positiva que proporciona o sector forestal e combater ese descoñecemento que sigue habendo”
R. Unha parte da sociedade rexeita o aproveitamento forestal de certas especies en Galicia, como o vedes dende o sector?
P. O sector forestal segue a ser un gran descoñecido. Arrástrase aínda esa idea, que se inculcou durante moito tempo, de que cortar árbores está mal, cando é xusto o contrario, sempre que se volva plantar. A madeira é das únicas materias primas que podemos rexenerar, cortando e volvendo a plantar, a diferencia doutras coma o petróleo, que non podemos xerar, así coma moitos outras materias primas que son limitadas.
Seguimos tendo necesidades no noso día a día que podemos cubrir coa madeira, dun xeito sostible e facendo un uso eficiente da madeira. Ademais, as plantacións contribúen a mitigar un problema que temos actualmente, como son as emisións de carbono, xa que absorben ese carbono.
Como sector fáltanos seguir traballando por trasladarlle á sociedade a contribución positiva que temos e precisamos combater ese descoñecemento que sigue habendo. Tamén cómpre ter presente que especies coma o piñeiro levan en Galicia milleiros de anos.
Necesítanse uns criterios para que poida haber plantacións e se siga conservando un monte con diversidade de especies, pero hai que procurarlle un rendemento á propiedade e seguir unha silvicultura axeitada que permita un aproveitamento. Deberíase abordar entre todos, e procurando un equilibrio e unha forma de vida no rural e no forestal.
R. Que lle pedirías ás Administracións para apoiar ó sector forestal galego?
P. Sobre todo precisamos que teñan en conta ó sector á hora das tomas de decisións. Necesitamos que nos inclúan nos procesos á hora de fixar as políticas que se van seguir no ámbito forestal, porque son políticas a longo prazo e é preciso que se conte con todos os implicados, dende o propietario, a industria e ata o consumidor final.
No sector forestal manexamos prazos moi longos, porque traballamos con especies que teñen quendas de curta longos, como moi pouco 15 ou 25 anos polo que precisamos que esas decisións a longo prazo sexan consensuadas. Tamén precisamos unha maior axilidade burocrática.