Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

Un futuro sostible da man dos Enxeñeiros/as Forestais

A sociedade actual está sendo obxecto de profundas transformacións que nos obrigan a marcar horizontes distintos e a modificar os obxectivos das nosas accións. Esta adaptación implica cambios significativos na maneira de proxectar, dirixir e executar tanto proxectos de ordenación do medio e dos seus recursos, execución e dirección de obra, industrias, empresas de servizos, así como valorar novos horizontes nos mercados para os nosos produtos.

 

Por iso, a demanda de profesionais da Enxeñaría Forestal acusa un notable aumento, tanto pola súa versatilidade como pola súa palpable adaptación a estas necesidades de cambio e actualización tanto a nivel científico, tecnolóxico e social.

 

Para exercer a profesión de Enxeñaría Técnica Forestal en Galicia é preciso estar en posesión da titulación de Enxeñaría Técnica Forestal ou dun Grao en materia Forestal, e ademais estar incorporado ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, cos que falamos sobre diferentes aspectos da actualidade.

 

Pregunta: Como naceu o Colexio Oficial de Enxeñeiros Forestais de Galicia?

Resposta: O COETFG naceu cun obxectivo principal que segue presente no seu día a día, e que se centra fundamentalmente na conexión dos profesionais da Enxeñaría Técnica Forestal, así como na resolución conxunta dos problemas individuais, a apertura de novas oportunidades para a profesión, na proximidade ás persoas coa implementación dos servizos demandados polo colectivo e por suposto no sentimento de orgullo de pertencer a un colectivo e exercer unha profesión.

 

Pregunta: Como é o perfil dos Enxeñeiros Técnicos Forestais?

Resposta: Trátase dun perfil profesional intimamente ligado aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles adoptados polos países líderes mundiais en 2015 e a Axenda 2030. Así mesmo a Enxeñaría Forestal presenta un encaixe directo nas liñas obxecto dos Fondos de Recuperación Next Generation EU, que teñen como obxectivo principal incentivar cambios importantes no modelo produtivo, especialmente en canto á transformación dixital e a innovación, así como a transición ecolóxica.

 

P: E cales son as súas competencias profesionais?

R: Entre as múltiples e diversificadas atribucións e competencias profesionais, destacan de forma diferenciada as relacionadas coa industria forestal, a explotación forestal e o medio ambiente, entre as que o momento actual merece destacar as relacionadas coas consecuencias do cambio climático, e a loita para a súa mitigación: ordenación do territorio e dos usos, xestión e intervención en catástrofes naturais, investigación e desenvolvemento para a adaptación das especies aos cambios previstos de temperaturas extremas, etc. Entre as relacionadas coa Saúde e Benestar das persoas, evidentemente toman especial relevancia todas as competencias de xestión de espazos naturais e as súas contornas así como a compensación do CO2, que contribúen a mellorar o benestar da poboación, permitindo conexións esenciais entre poboación e natureza. Pero ademais non debemos esquecer todas aquelas actividades de ocio, deportivas, educativas, etc.. que os Enxeñeiros Forestais lideran e coordinan, e a través das que a sociedade pode ter un contacto mais estreito coa natureza e o medio natural. Por último, cabe salientar a análise dos ecosistemas terrestres e a xestión forestal relacionada coa auga como todo o relacionado con proxectos de restauración hidrolóxica forestal, os sistemas fluviais, os bosques de galería e a defensa das marxes fluviais..

 

P: Cal diriades que é a tendencia da vosa profesión en termos de Educación?

R: Esta profesión constitúe dous fortes pilares da sociedade actual cuxa tendencia camiña cara un compromiso forte co medio ambiente, xa que exerce un importantísimo papel de concienciación ambiental cara todos os eslavóns da sociedade, ademais de realizar funcións docentes no eido educativo en xeral ademais de abordar o ámbito da educación ambiental.

 

P: Na actualidade fálase sobre Enerxías Limpas. Os Enxeñeiros Forestais teñen relación con este ámbito?

En xeral falamos dunha profesión estreitamente conectada ao desenvolvemento de produtos sostibles e á posta en valor e conciencia do seu uso entre a sociedade, polo que ten relación coa Bioeconomía e as Enerxías Limpas, baseada na produción e utilización dos recursos biolóxicos renovables así como na conversión dos mesmos en produtos cun valor engadido como son os bioprodutos (fibra téxtil, taninos, biochar, así como múltiples produtos de hixiene persoal, embalaxe, menciña, mobiliario, construción, etc., …) , bioenerxía ou combustibles renovables obtidos da biomasa e outras enerxías limpas, e outros servizos.

 

P: O COETFG ofrece varias oportunidades nesta profesión, como vos adaptades á dixitalización e ás novas tecnoloxías no eido profesional?

R: Calquera das áreas nas que se desenvolve a Enxeñaría Forestal está en constante adaptación á nova realidade, na que debemos incorporar sen dubidar as novas tecnoloxías que están a disposición da sociedade, adaptándoas ao noso campo laboral e ás necesidades dos resultados que debemos acadar. Así son infinitas as aplicacións, que van dende a dixitalización dos datos e a súa xestión a través da tecnoloxía Block Chain, adaptación de softwares específicos para a xestión técnica e automatización de cálculos, procesado e interpretación de datos, ou uso de novos equipos como poden ser os Equipos de Medición dixitais, Drons, Sensores, GPS, os propios terminais móbiles, etc.  O labor do noso colexio é acompañar aos profesionais no coñecemento e implementación de ditas tecnoloxías.

 

P: Como apoiades a accesibilidade ao mercado laboral dos Enxeñeiros?

R: A creación de emprego estable e de calidade para os Enxeñeiros é unha das históricas preocupacións do colexio e do colectivo. Os constantes cambios normativos teñen unha repercusión directa nas necesidades de asesoramento técnico no sector forestal e medioambiental, así como os imprevisibles cambios nos mercados que xeran importantes oportunidades laborais para a profesión. Todo iso reforza o traballo do colexio que mantén unha aposta estratéxica pola formación e información dos profesionais, orientada tanto cara a inserción laboral como á mellora da empregabilidade e do recoñecemento profesional, respondendo así á obrigatoria e constante adaptación do perfil profesional ás demandas do mercado, incrementando con elo as oportunidades laborais dos Enxeñeiros.

 

P: E en canto a igualdade de xénero?

R: Conscientes da realidade que vive a nosa profesión, inmersa en sectores profesionais maioritariamente masculinos, nos que as enxeñeiras atopan múltiples barreiras para o desempeño da profesión, dende xa fai anos o COETFG está traballando nos eixes de igualdade marcados pola Folla de Ruta europea e entre os que destacan: A promoción e facer atractivo o acceso a formación universitaria para ambos xéneros, dar visibilidade e promover o traballo realizado por enxeñeiras, loitar pola redución da brecha salarial entre ambos xéneros, acadar o equilibrio entre vida profesional e persoal (corresponsabilidade e teletraballo), apoiar ás enxeñeiras para que podan optar a postos ou cargos de representación…

 

P: Que novas alianzas tedes fóra do sector?

R: Dende o noso Colexio traballamos constantemente en afianzar as alianzas actuais cos distintos colectivos e administracións, dentro e fóra do sector, e procura con perseveranza e determinación novos nexos de unión co obxectivo de establecer novas sinerxías que lle permitan aos seus profesionais establecer novos retos e metas na procura dun desenvolvemento profesional e no beneficio dun planeta máis sostible. Con todo isto, o único futuro posible para a profesión da Enxeñaría Técnica Forestal senta as súas bases na unión e na forza do colectivo, reforzando os valores e o compromiso coa sociedade e co noso planeta.

 

O reto é manter a profesión como un referente da sociedade, activa, comprometida, resolutiva e sempre coa mirada posta nun futuro mellor; amosando á sociedade o valor da profesión a través do traballo diario e dunha axeitada comunicación para que esta tome conciencia da evidente conexión entre a xestión forestal e medioambiental e o desenvolvemento sostible.