Oriol Palou é consultor de estruturas. Creou Sustenta (sustenta.eu) fai 23 anos, en Barcelona, e dende entón leva feito preto de 1600 estruturas de todo tipo. Durante varios anos centrándose en estruturas de madeira. Forma parte de ACE, Profusta, AuS e ACHE, entre outras asociacións relacionadas coa madeira e coas estruturas.
Por Laura Erra @bannanarte
Pregunta: Que lle levou a interesarse polas estruturas de madeira?
Resposta: Non o lembro especificamente, é algo natural na miña formación técnica. O meu traballo enmárcase no mundo da enxeñaría, na súa versión máis dura, na que o formigón era o material por excelencia e, neste contexto, a madeira considérase unha alternativa pouco seria. Isto, obviamente, é unha xeneralización. O que si lembro é unha anécdota dunha empresa na que traballei fai anos: un cliente viña cunha casa de madeira e a miña cara iluminouse porque naquela empresa só fixeramos de vez en cando algún teito de madeira. O meu xefe, mentres sentabamos á reunión, díxolle: non facemos estruturas de madeira. O arquitecto marchou cos planos desilusionado: o meu xefe argumentou que non eran rendibles. Non tardei en deixar esa empresa.
P: Que tipos de estruturas realizades?
R: De toda clase: armazóns, CLT, capas de compresión con madeira, forxados nervados de madeira, diagnose e reforzo de estruturas de madeira con resinas e barras sintéticas, probas de carga en estruturas de madeira… Tamén debe quedar claro que a madeira non paga a pena porque si. Procuramos usar a madeira do xeito que consideramos oportuno en cada caso, non usala por usala.
P: Cal é a vosa experiencia en estruturas de madeira?
R: Un dos nosos lemas é que as respostas en enxeñería deben ser as máis eficientes dada a complexidade dos factores implicados, por iso empregamos a madeira como solución natural. Por complexidade podemos entender: a suma do programa, solicitudes dos clientes, normativa, construtores, sistemas e os materiais dispoñibles e, por suposto, as consideracións ambientais. Neste contexto complexo, a madeira, cada vez máis, ven sendo parte da resposta a moitas situacións.
P: E tamén en rehabilitación?
R: Si, e parécenos unha oportunidade, especialmente no que se refire a aumentos de volume de edificios en centros urbanos consolidados, pero que conservan moitos inmobles que aínda non esgotaron a súa edificabilidade por estar construídos fai anos. Falamos de remontas e ampliacións de volume en xeral. Entre as súas múltiples vantaxes están a lixeireza que evita reforzar e actuar nas plantas inferiores en uso e na cimentación, construción en seco que implica precisión e rapidez de montaxe, co que isto supón de eludir molestias aos veciños, cortes de rúas, diminución de residuos…
P: Podería ampliar o tema das probas de carga?
R: Fai moito tempo decatámonos de que os modelos analíticos, que son una ferramenta completamente útil e esencial, están necesariamente baseados en simplificacións, en modelos que, de forma máis ou menos aproximada, intentan reproducir matematicamente unha realidade. Así, a calidade do modelo dependerá da calidade dos datos que lle introducimos. En moitas ocasións estes modelos son demasiado brutos, e podelos complementar con medicións empíricas dános moita información valiosa. É aquí onde entran as probas de carga.
P: Como é de sostible usar a madeira para as estruturas?
R: A madeira é moito máis sostible que as alternativas tradicionais, pero a madeira mal empregada pode non ser mellor que outras alternativas dende o punto de vista do medio ambiente. Hai que ter en conta factores como a durabilidade, con moita importancia dado o gasto enerxético e de materiais na vida útil dunha estrutura. E hai que ter en conta o esgotamento de recursos forestais. Neste sentido, a correcta xestión forestal debería ser o marco obrigado no que traballar cara o futuro. Por iso, considero que unha ferramenta sinxela que permita facer avaliacións comparativas entre distintos sistemas construtivos da pegada sería moi útil.
P: Son os axentes da construción en madeira os mesmos que no resto de tipoloxías?
R: Hoxe en día, a construción en madeira adoita ir da man da industrialización. Por outro lado, trátase dunha especialidade na que entran diversas empresas, subministradores e profesionais distintos das obras habituais que non son de madeira. Estes dous factores implican, por si mesmos, un cambio de mentalidade e forma de traballar en proxectos e obras de madeira. Polo tanto, coido que pouco a pouco imos establecer formas de desenvolver os proxectos, de executar as obras, cun paradigma distinto aínda non implantado.
P: Que opina do aumento de prezos da madeira que está a pasar?
R: Semella que se enmarca no contexto da falta de materias primas, subidas de custos de transporte e acumulación de xénero, unha das consecuencias da globalización. No caso da madeira, coido que afecta o crecemento repentino da demanda. Para aportar algo de optimismo, no ámbito da compra-venda de madeira, dá a impresión de que estamos a chegar a certa estabilización de prezos que confiemos que se manteña no tempo.
P: De manterse esta escaseza, que alternativas hai para poder seguir usando madeira?
R: Procurar usar sistemas nos que se minimice o uso de material. É un gran reto a partires de aí vanse aplicar solucións máis respectuosas co medio por necesidade, o cal é unha boa nova. Agora mesmo hai diversas propostas interesantísimas, como o que está facendo Francisco Javier Estévez na Universidade da Coruña, Manuel Guaita na de Santiago, ou José Manuel Cabrero en Iruña, entre moitos outros ademais de variadas iniciativas en distintos sitios de Europa. En definitiva, un panorama de innovación moi estimulante, no cal o límite e a imaxinación e o sentido común.
P: Que factores cre que son mellorables no mundo da construción con madeira en España?
R: Hai moitas iniciativas prometedoras de universidades, empresas produtoras, montadoras de estruturas, técnicos… O panorama é moi frutífero no que respecta ao coñecemento e a I+D. Pero estamos algo verdes no ámbito normativo e na formación. A bibliografía técnica que actualmente usamos de referencia é estranxeira. Igualmente, a oferta de profesionais que confeccionen, manipulen e monten estruturas de madeira é a miúdo exigua. Non hai dúbida que o futuro próximo é esperanzador e eu síntome afortunado de ter diante estes retos encamiñados a facer máis respectuoso e lóxico o xeito de construír.