Ofrecer solucións ao medio rural é a finalidade coa que xerminou no 2005 Consultoría Técnica Lubián, unha oficina técnica que abrangue un amplo abano de disciplinas entre as que destacan a elaboración de documentos da propiedade, a xestión de montes veciñais e a asistencia técnica en concellos en ámbitos como o catastral, medio ambiente, forestal ou topografía.
Situada no municipio pontevedrés de Poio, leva máis de quince anos comprometida con comunidades de montes, comunidades de usuarios de traídas de auga, empresas, concellos e particulares de toda a xeografía galega, dando resposta ás súas inquedanzas.
Non obstante, Consultoría Técnica Lubián centra a súa actividade na planificación de montes veciñais mediante a elaboración de Proxectos de Ordenación de Montes, sendo unha empresa experta no deslinde grazas a un equipo multidisciplinar con experiencia no ramo. Por outra banda, conscientes da importancia que están adquirindo na actualidade os proxectos de pegada do carbono, ofrece asesoramento ás comunidades de montes para así poñer no mercado o CO2 dos seus montes.
Cabe sinalar que unha das notas características do agro galego é a complexidade da súa explotación dado o carácter minifundista da súa propiedade, polo que é imprescindible dotar ás persoas dunha documentación de propiedade acorde cos tempos que corren que lles garanta unha seguridade xurídica dentro deste ámbito tan fragmentado.
Un dos ámbitos máis característicos son os montes veciñais, nos que se precisa a realización de trámites encamiñados a un correcto desenvolvemento tanto da xestión administrativa da comunidade de montes, como poden ser a organización de asembleas, os trámites coa Administración, solicitudes de subvencións ou xestións técnicas como a elaboración de proxectos de forestación ou tratamentos silvícolas.
É de especial relevancia que exista, nos montes veciñais, un deslinde de calidade encamiñado á correcta actualización da cartografía catastral que permita acceder ao rexistro da propiedade creando a seguridade xurídica necesaria para evitar a usurpación da propiedade veciñal ou posibles litixios.
Isto sobre todo despois da aprobación da Lei 43/2003, de 32 de novembro, de Montes, que substituíu á antiga Lei 776/1957, despois de case medio século de vixencia, facendo que na nova lexislación se recolla unha nova realidade económica, social e no medio ambiente. Esta Lei establece o ordenamento xurídico para a protección e conservación do monte de acordo co principio de desenvolvemento sostible.
Neste sentido, o deslinde adoita a realizarse por causa de herdanzas, para así evitar intrusións ou para investigar os límites dun terreo confuso. No caso de construción de vivendas, o deslinde permite coñecer en que zonas se pode actuar, que pertence ao terreo e que é parte pública, ademais de coñecer as características do terreo.
Por iso, débese ter todo presente á hora de edificar, xa que podemos atoparnos coa problemática de que a superficie real do terreo non coincida coa que aparece no Catastro. Non obstante, hai veces que a superficie que consta na escritura da vivenda que hai no Rexistro da Propiedade pode non coincidir coa do catastro e real. Isto débese a que cada organismo emprega xeitos distintos para describir un terreo, pero pode supoñer un problema cando non hai coincidencias, coa consecuencia da non concesión de licencias para edificar.
O modo máis efectivo para solucionar este tipo de problemas é que un enxeñeiro técnico en topografía realice un deslinde topográfico, servizo que pode ofrecer Consultoría Técnica Lubián.
A precisión das medicións que vai realizar o enxeñeiro técnico no seu traballo no ámbito topográfico do deslinde e a súa posta por escrito nun plano detallado da ou das parcelas en cuestión, emitindo un informe técnico, garante que se poidan evitar problemas coas licencias e, polo tanto, que non haxa demoras á hora de iniciar una obra.
Ademais, dentro do novo sistema de coordinación entre o Catastro, o Rexistro da Propiedade e a realidade física e xurídica extrarrexistral, un notario pode intervir en distintos momentos axudando a identificar os bens inmobles obxecto do deslinde, emendando as discrepancias na descrición catastral ou na rexistral, polo tanto, remitindo ao Catastro todos os datos que se precisen do documento público unha vez estea autorizado.
Como vemos, todos os trámites específicos do deslinde en relación con Rexistro da Propiedade son complexos e precisan dun persoal cualificado que poida avanzar nos proxectos con éxito. Ademais, a axenda da Consultoría Técnica Lubián inclúe tarefas como actualizacións ou proxectos para as comunidades de usuarios de traídas de augas.
Este tipo de proxectos poden formar parte de Augas de Galicia, é dicir, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, ou das diferentes confederacións que así o requiran, aínda que non hai que esquecer as xestións cos pequenos propietarios como poden ser as altas de pozos de rega ou de abastecemento de auga. Todo este tipo de servizos teñen cabida nos labores da consultoría.
Por último, cabe salientar a ampla oferta de servizos que ofrece Consultoría Técnica Lubián engadindo o ámbito municipal. Entre os cometidos neste eido, están a asistencia técnica en concellos, onde se desenvolven tarefas de atención ao público para unha correcta actualización catastral ou traballos vinculados coa Lei de Incendios nas Redes de Xestión de Biomasa na contorna dos núcleos rurais, tanto a nivel técnico como informativo.
Como vemos, a experiencia de Consultoría Técnica Lubián en aspectos relacionados no eido catastral, medio ambiente, forestal ou topografía é moi importante para aportar servizos de alta calidade.