Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

CARMEN RIAL LORENZO, PRESIDENTA DE BIOECO2: “REINVINDICAMOS A IMPORTANCIA DA XESTIÓN TÉCNICA E PROFESIONAL DOS MONTES DE GALICIA”

P. Que é BIOeCO2 e como xorde? 

R. É unha asociación profesional técnica de ámbito forestal e do medio natural. Os membros da asociación son empresas que levan anos ofrecendo servizos de enxeñería dentro do sector forestal galego, no que tendo unha liña de traballo común, realizan actividades moi diferentes e especializadas.  

Hai un sentimento consciente nos nosos socios sobre a importancia da aportación que cada un de nós exerce na xestión técnica dos bosques e no servizo aos propietarios forestais, especialmente aos propietarios comunitarios ou comunidades de montes.  

Debido a un diálogo e debates con compañeiros e compañeiras iniciado xa no 2019, xorde a necesidade e a oportunidade de formalizar unha colaboración máis clara e específica debido a evidencia de problemáticas, retos e oportunidades comúns. Ao sermos empresas pequenas, é precisa unha unión de forzas para poder dar visibilidade ao labor que exercemos no territorio forestal, na contorna rural e  exercer unha fronte común para canalizar as nosas demandas.  

 

P. Un dos obxectivos da asociación é impulsar e visibilizar a importancia dunha correcta xestión ambiental-forestal. En que se centra o voso traballo neste eido? 

R. O principal obxectivo da asociación é promover as actividades e servizos dos seus socios no territorio. As actividades do colectivo deben ser mostradas e postas en valor ante a sociedade e outros organismos públicos ou privados. Aínda que o noso colectivo leva moitos anos traballando para impulsar o sector forestal, non fomos quen de comunicar con claridade o noso papel ou rol técnico, quizais, xustamente por iso, porque somos un colectivo de vocación implementadora, máis próxima as características propias da enxeñería.  

Outro tipo de organizacións dentro do sector forestal, levan moitos anos traballando en conxunto, intervindo nas políticas de desenolvemento rural e forestal. Isto é precisamente o que estamos agora a construír, unha organización de profesionais cun obxectivo básico en xestión do territorio que pretende colaborar co resto de organizacións para aportar a visión e experiencia que ata agora non estaba representada especificamente.  

Esa experiencia adquirida ao longo do tempo na aplicación da nosa formación e profesión, debe servir para mostrar a necesidade da nosa aportación en beneficio de toda a cadea de valor. Debemos advertir que, se o que precisa o territorio, (o medio rural e o mundo forestal) é precisamente a xestión forestal, (concepto de moda demandando por parte de todos os expertos), a nosa actividade profesional é a que debe ser reconsiderada e valorada pola sociedade debido a que somos os que nos dedicamos precisamente a iso, por formación e vocación. Reivindicamos a nosa profesión para colocala no lugar que merece e poidamos contribuír a crear un mundo máis sostible. Para procurar un futuro próspero ao medio rural e o sector forestal, é preciso que se nos valore e poidamos exercer a nosa profesión coas mellores condicións posibles.  

 

P. Onde se atopa BIOeCO2 no contexto actual?  

R. Estamos ante cambios profundos nos ciclos económicos e sociais (debemos tamén incluír na ecuación os ambientais). Sen querer tratar os conflitos bélicos ou de xeoestratexia europea e mundial, que van definir un escenario novo en canto a dispoñibilidade de fontes de enerxía, xa a Axenda de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas e o Pacto Verde Europeo comunicara uns obxectivos para abordar o cambio climático e a degradación do medio natural. Conceptos tan de acotío como a loita contra o cambio climático, auga, a conservación da biodiversidade, a descarbonización ou o uso de recursos renovables, están en consonancia co desenvolvemento sostible das Nacións Unidas e os Obxectivos de desenvolvemento da Unión Europea. Pois ben, gran parte destes temas caen dentro das responsabilidades e competencias do noso colectivo profesional.  

Sabemos que estes retos globais só poden ser alcanzados a través de políticas transversais e coa participación de múltiples sectores económicos e sociedade, pero o noso traballo exerce un papel fundamental para poder conseguilo.  

O traballo dos membros de BIOeCO2 desenvólvese na xestión forestal como concepto, e actúa a través das accións que se realizan no territorio, cos seus propietarios e resulta fundamental no actual contexto económico, ambiental e social. 

 

P. Cales son as liñas de traballo ás que está enfocado BIOeCO2? 

R. Para afondar nos obxectivos comentados, recoñecemos a necesidade de promover estratexias comúns para abordar eses problemas universais, e cómpre dotarnos de ferramentas para obter solucións colectivas mediante accións concretas. Para isto, estamos a crear canles de comunicación e difusión sobre temas de interese e establecemos un marco de colaboración entre os distintos socios. 

A primeira acción é reforzar as actividades de xestión que afectan á absorción de dióxido de carbono e establecer mecanismos de compensación de emisións para distintos clientes. Así mesmo é importante identificar as necesidades e potencialidades de cada cliente ou xestor e atopar os recursos financeiros nas actividades que deban desenvolver, a través de recursos públicos ou privados. Queremos afondar na multifuncionalidade dos bosques, un exemplo é o mercado de servizos dos ecosistemas, no que estamos a traballar para dar forma a un mecanismo de compra venda, ou pago por servizos. Ao mesmo tempo é importante o diálogo coas Administracións para axudar a que a inversión pública en xestión sexa máis eficiente e, polo tanto, sustentable.  

Outra liña é a incorporación da innovación e das novas tecnoloxías. Como noutros sectores, a dixitalización e inversión en i+d é fundamental para o desenrolo da nosa actividade, e é preciso unha colaboración público privada moito máis enfocada a nosas necesidades, onde os socios poidan acceder e formar parte nos proxectos. O propio contacto entre as empresas de BIOeCO2 xunto cos diferentes servizos e especialización de cada unha, vai permitir dar un paso adiante en proxectos que doutra forma non serían posibles de xeito individual. Na actualidade xa hai proxectos dixitais promovidos entre varios socios.   

Por último, realizar difusión e formación dentro dos colectivos profesionais e cara a sociedade en xeral, vai dar luz a importante labor que realizamos. Levamos dous anos con accións de formación e participación en foros como o de este ano en Galiforest. Somos fundadores xunto co Clúster da Biomasa de Galicia da revista Conecta Savia.  

 

P. A quen vos dirixides? 

R. Somos profesionais de enxeñería forestal ou montes, ciclos formativos de grao medio ou superior en materias ambientais ou forestais, etc… O colectivo non está pechado a titulacións específicas, sen embargo temos un fío común que é a xestión do territorio, rural ou forestal e debemos circunscribirnos a iso.  

Existe unha gran variabilidade de temáticas porque intervimos de xeito técnico dende a orixe das materias primas ata a construción con madeira, por exemplo. Temos compañeiros que enfocan a súa actividade na xestión directa a comunidades de montes ou propietarios particulares de pequena propiedade a través por exemplo de redacción de proxectos de ordenación. Valoracións, venda de produtos, trámites de propiedade, ata quen realiza consultoría técnica sobre normativa estrutural de vigas de madeira, tamén estamos especializados en grupos certificación forestal, trazabilidade e legalidade.  

Independentemente do servizo concreto que se realice, estamos intimamente ligados ao territorio e o traballo directo real cos seus xestores ou responsables. Neste senso identificamos como clientes dende administracións publicas, propietarios forestais, empresas forestais (rematantes, serradoiros, industrias), ata outras empresas e colectivos onde teñamos atribucións profesionais.  

 

P. A que retos vos enfrontades? 

R. Aos que se enfronta o resto da sociedade. Nun contexto global, ao cambio de modelo socio-económico, custes da enerxía, despoboamento rural, cambio climático, perda de biodiversidade, etc… Con todo, somos conscientes que se nos incorporamos aos ODS, podemos contribuír a que parte deses retos poidan ser alcanzados, xerando unha oportunidade de participación na súa resolución ao tempo que promocionamos a nosa actividade económica e profesional.  

Agora, a prioridade está na promoción da nosa actividade e conseguir que poidamos realizala coa maior cantidade de recursos posibles.  

 

P. Que te levou a adicarte a este sector? 

R. Unha das miñas maiores pretensións dende nena era o coidado e conservación do medio ambiente, e todo o relacionado con el. Estudei Química Ambiental e xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos no CEFEA Lourizán, movida en todo momento pola parte ambiental e paisaxística das formacións; non foi ata cando comecei a traballar no 2007 nun estudo de enxeñaría forestal onde descubrín a parte máis técnica da xestión dos montes, e deime conta de que ese coidado de conservación do medio ambiente ao que eu aspiraba, ía unido a unha organización dos aproveitamentos do territorio.  Van xa 15 anos nos que levo traballando neste campo e espero poida seguir contribuíndo deste xeito moitos máis.