P. Que é Biostatech? Quen a formades?
R. Biostatech é unha empresa de bioestatística aplicada, conformada por un equipo interdisciplinario que conxunta coñecementos avanzados en estatística, bioloxía e ecoloxía, físicas, matemáticas, biotecnoloxía, bioinformática e xenética. Igualmente, reúne profesionais con alta experiencia en investigación e consultaría estatística.
P. Cantos anos levades? Como comezou a vosa actividade?
R. O noso inicio de actividades sitúase no ano 2012. Neses anos estaba a potenciarse o emprendemento universitario como unha fórmula alternativa de negocio e empregabilidade de alta formación, ante a incipiente crise económica que golpeaba con dureza múltiples sectores. As spin-offs universitarias xurdiron como un medio idóneo para trasladar e transferir o coñecemento xerado desde o ámbito académico, á hora de achegar solucións ao ámbito empresarial e á sociedade.
A orixe de Biostatech sitúase no prestixioso Grupo de Bioestatística da Universidade de Santiago de Compostela. Este Grupo recibía cada vez máis peticións de axuda para mellorar a calidade das investigacións e estudos, especialmente dende a área biosanitaria. A falta de formación en estatística de investigadores e profesionais de distintos ámbitos, supoñíalles a xeración de graves erros, tanto dende unha fase inicial de deseñar un estudo, de tratar e analizar datos, como de interpretar adecuadamente os resultados.
Ante a imposibilidade de afrontar tanta demanda, vimos a necesidade e a oportunidade de crear Biostatech. Unha empresa con dedicación exclusiva aos seus clientes, para poder achegarlles solucións metodolóxicas e estatísticas de alta calidade científica-técnica, coa obtención de resultados robustos en prazos coherentes
P. Que papel representa a estatística?
R. Nun período de continuos e imparables avances tecnolóxicos, resulta cada vez máis sinxelo xerar e almacenar multitude de datos, que conteñen moita información. Nunca houbo tantas opcións de extraer coñecemento, pero para iso resulta necesario saber situar ben o problema para resolver, e empregar as técnicas analíticas adecuadas para achegar solucións óptimas. A estatística é sen dúbida unha disciplina e ferramenta esencial para lograr os devanditos obxectivos.
P. Que tipo de traballos e proxectos realizades ou solucionades?
R. A maior parte dos estudos que nos formulan enmárcanse dentro das Ciencias da Vida e a Saúde, especialmente na área de investigación biomédica. A modo de exemplo, estudos clínicos que melloran o prognóstico e diagnóstico de enfermidades, ou a efectividade e seguridade de determinados fármacos. Pero tamén temos a oportunidade de resolver retos de distinta complexidade noutras áreas de coñecemento. Dentro do ámbito “bio” afrontamos estudos relacionados coa ecoloxía, medio ambiente, zooloxía ou acuicultura, entre outros.
P. Cales foron ou son os vosos proxectos “estrela”?
R. Realmente, todos os traballos supoñen para Biostatech un reto a solucionar. Todos supoñen unha motivación para o equipo, e o éxito, moitas veces, baséase na boa comunicación que logramos cos clientes. Necesitamos entender ben o problema e obxectivos, comprender o que significan as variables de estudo e o que nos achegan os datos. A partir de aí, co noso coñecemento acabamos logrando resultados e conclusións adecuadas e robustas.
Aínda así, é certo que pola complexidade, a extensión e a boa finalización, hai algúns proxectos que temos máis presentes. Entre eles, atópanse o asesoramento sobre metodoloxías avanzadas que tivemos a oportunidade de realizar para o BBVA Data & Analytics, un complexo proxecto de clasificación de aceites de virxe extra para o antigo CETAL ou a instauración de modelos preditivos para FINSA.
Actualmente, estamos involucrados en múltiples proxectos con diversas empresas como son Nova Pescanova, traballando sobre aspectos relacionados co control de calidade dunha das súas liñas de produtos; Estrella Galicia, indagando no control do proceso de fermentación e control de calidade; ou Torusware, aplicando novas metodoloxías estatísticas punteiras en problemas de modelización de datos complexos e big-data.
P. Tivestes oportunidade algunha de realizar estudos do sector forestal?
R. Agardaba esta pregunta, e por fin pódoche falar seguramente dunha das liñas de actividade máis interesantes de Biostatech, froito da colaboración e servizo a Asefor. Inicialmente coa análise e mellora de cuestionarios que esta empresa leva realizando de forma ininterrompida desde hai 5 anos a propietarios de toda Galicia, e que implica que Asefor posúa actualmente unha información ampla, robusta e fidedigna do que é o sector forestal galego. Por outra banda, polos estudos de predición de masa forestal a través de fotografía aérea. Resulta moi destacado como, a partir do seu coñecemento e experiencia, foron capaces de lograr estimacións cun alto nivel de acerto. O noso papel con eles é a achega de maior solidez na definición do modelo máis adecuado, ante escenarios diferentes que se producen ao longo da xeografía galega.
Asefor é un exemplo de empresa innovadora dentro dun sector primario. Unha referencia e un axente esencial para afrontar o novo período de evolución que se está a desenvolver no ámbito forestal.
P. Que aspectos considera que serán clave neste sector nos próximos anos? Que pode aportar Biostatech ao sector agroforestal?
R. Posiblemente, o sector forestal ten moito que avanzar en materia de innovación. Pero tódolos avances que se queiran realizar débense facer sobre unha base máis sólida, a partir da cal póidanse determinar e identificar aspectos concretos de mellora. Todo isto pasa inevitablemente por ter maior coñecemento do sector.
Biostatech pode aportar solucións a distintos problemas que xorden dende o sector. Dende coñecer en profundidade as zonas que estudamos, co fin de poder levar a cabo nelas mellores prácticas sostibles, ata dar un tratamento intensivo o gran volume de datos dos que se dispoñen, e converter eses datos en resultados robustos que axuden a tomar boas decisións.
Analizar estatisticamente a información da que dispoñen e un factor que as fará diferenciais cara o futuro. É un salto que, sen dúbida, tense que dar pensando na necesidade de abordar un importante cambio na xestión forestal dos nosos montes, de forma sostible, rentable e respectando a biodiversidade.