Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

BIKENTA-MPLUS, a ferramenta dixital de xestión forestal integradora

Bikenta-Mplus, a ferramenta dirixida a empresas e propietarios forestais, supón a modernización do sector forestal, cun impacto directo na dixitalización da xestión sostible, poñendo en valor a información e o coñecemento.   

Esta ferramenta adáptase a múltiples usuarios e resolve, mediante o tratamento dixital da información, o desenvolvemento, control e seguimento dos Proxectos de Ordenación para unha correcta xestión forestal sustentable e certificada, promovendo a obtención de madeira con altas prestacións tecnolóxicas grazas as tecnoloxías elaboradas mediante o i+d. Permite a actualización en tempo real, apoio á toma de decisións e ofrece acceso á documentación de interese.  

O desenvolvemento desta ferramenta está apoiado pola convocatoria da Axencia Galega de Innovación (DOG núm. 30, do 15 de febreiro de 2021), de axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.  

 

 

 

O consorcio está formado por Enxeñería Forestal Asefor e Madera Plus (empresas galegas expertas en xestión forestal sostible, cadea de custodia e certificación forestal e na ciencia de predición das propiedades tecnolóxicas da madeira, respectivamente). 

Esta plataforma supuxo un avance para aproveitar a información e o coñecemento acumulado polas empresas promotoras. O froito das dúas liñas de traballo desenvolvidas dende hai máis de 10 anos afondou nun sistema de  dixitalización con modelos de predición integrados que permite o tratamento mediante intelixencia artificial de datos remotos e datos incorporados polo usuario final; xunto coa xeración e distribución de información, mapas e datos técnicos da masa forestal, (incluíndo propiedades tecnolóxicas da madeira e calidade de estación na que se atopa a masa forestal), e outras variables e datos necesarios para optimizar a xestión por parte dos usuarios técnicos.  

A información e a infraestrutura dixital aportada pola plataforma serán de gran utilidade para definir as actuacións de xestión forestal e o seu seguimento posterior acompañando a toma de decisións, co obxectivo de optimizala xestión nun escenario de silvicultura orientada a produto contribuíndo ao  aproveitamento sustentable do monte.  

 

A ferramenta que evita o abandono das terras 

A terceira parte da superficie do monte de Galicia pertence a unhas 3.000 Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), que xuntan ao de 700.000 hectáreas (Galicia conta en total cuns 2 millóns de hectáreas forestais). Estas 3.000 Comunidades de Montes están integradas por preto de 120.000 veciños comuneiros, que ademais de ser copropietarios destes montes veciñais, tamén son na súa maioría propietarios forestais de parcelas de minifundio. 

 En xeral, a poboación do rural é escasa en Galicia, e cada vez está máis envellecida, (Enquisa Alvariza certificación forestal 2020,www.bikenta.com). Isto provoca que os propietarios (os propios veciños), non conten coas ferramentas necesarias para realizar unha correcta xestión dos seus montes, provocando unha diminución da xestión ou o abandono da mesma. A xestión das CMVMC presenta requisitos a nivel técnico, administrativo e de goberno, difíciles de xestionar polos veciños propietarios, os cales recorren a estas tarefas a empresas profesionalizadas e técnicos especialistas nestes servizos. O contexto europeo é o do Green Deal, Cambio Climático, protección da biodiversidade e transición cara unha verdadeira bioeconomía. 

Os bosques e os seus recursos están expostos a interferencias externas; actuacións humanas, climatoloxía, pragas, incendios, etc. Estes cambios modifican os documentos de xestión, que deben ser controlados e actualizados, de xeito que os datos que se dispoñen e tratan dixitalmente sexan válidos e actúen como ferramenta que permita obter os resultados planificados. Integrar a calidade da madeira na xestión, é a base para optimizar a rendibilidade do monte. 

Polo tanto, a dixitalización do sector forestal en Galicia, é actualmente a única aposta viable para achegar o coñecemento a todos os eidos da cadea, como se realiza nos países con maior peso forestal como por exemplo Canadá, Finlandia ou Austria, que dedican gran parte dos seus recursos a explorar e aplicar as novas tecnoloxías no ámbito forestal.  

 

A quen se dirixe Bikenta Mplus? 

A profesionais técnicos do sector forestal, como dinamizadores económicos e sociais, que precisan do acceso ao novo escenario europeo de prosperidade sostible e dixital para ofrecer novos e mellores produtos e servizos. 

Nun contexto de xestión forestal sostible (base para a obtención de produtos e servizos esenciais para a vida), é necesaria a preservación da biodiversidade nos ecosistemas. No mercado dos produtos de orixe forestal é preciso verificar a súa orixe sostible mediante os selos de certificación forestal. Estes procesos deben ser dotados de credibilidade e transparencia, así como de un profundo control das actividades que nos bosques se producen. Un exemplo é a automatización dos plans anuais que integran as desviacións coa planificación por factores biolóxicos, económicos ou sociais.  

+ A propietarios comuneiros e Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que acceden a planificación das actividades que deben realizarse no seu monte de xeito directo e actualizado. O coñecemento, a transparencia e o rexistro de información e documentación abre unha nova canle de comunicación entre propietarios e a xunta directiva, a equipa técnica e mesmo a Administración forestal que solicita o cumprimento dos compromisos que con ela se establecen. Na súa versión móbil, descóbrese un novo xeito de relación entre territorio e propietario permitindo a comprensión da integración entre planificación e realidade.  

 

Que solucións ofrece? 

Dixitalización, visualización, consulta e exploración dos datos do proxecto de ordenación ao longo do tempo. Sistema de actualización e xeración automática de documentos e informes (Plano anual, etc). Proxecto de Ordenación dixital en concepto versión actualizada. Xera informes de masas forestais concretas en base a datos remotos o a partir de datos introducidos polo usuario. 

Certificación e trazabilidade dos produtos forestais, de xeito que se cumpran os requirimentos legais e do propio mercado, aliñado coas necesidades de vendedores, compradores e fabricantes.  

Comunicación entre os diferentes actores que interveñen na xestión do monte. Sistema de comunicación entre os perfís Xestor (propietario – técnico), Administrador (propietario – técncio), CMVMC (xunta reitora – comuneiro). Administración (técnico – propietario). 

Aporta cartografía dixital de propiedades da madeira de piñeiro para uso estrutural (Módulo de elasticidade MOE, Clase resistente e densidade básica)  

Enlace mediante API con Visor Madera para obtención de Información referente valores forestais como calidade de estación, estado das masas, logo do procesado de datos remotos de teledetección (LiDAR, Satélite) e BD de uso público (Clima, solo, fisiografía). 

Contén unha base de datos empresas do sector forestal-madeira.  

Conecta con servizos da Administración complementarios a actividade de xestión forestal e comunal.  

 

Aptitude das masas forestais para obtención de madeira para uso estrutural segundo a súa clase resistente (C24, C18 ou refugallo)