Galicia é unha potencia forestal en canto a superficie, pola capacidade de produción madeireira e tamén no que respecta a potencialidade para o desenvolvemento de servizos eco sistémicos. Con todo, un dos grandes hándicaps para desenvolver unha xestión forestal sostible e para que as actividades de xestión forestal nas nosas parcelas melloren os servizos do ecosistema, é o minifundio.
Escribiuse moito sobre a necesidade de atopar formas de xestión conxunta que permitan obter esas superficies mínimas a partir das cales a xestión forestal chegue a un nivel óptimo. A propia Lei 43/2003, de 21 de novembro de Montes xa lexislou sobre a forma de organización que deben levar adiante os montes de socios, nos que a xestión corresponde a un colectivo de veciños e, que polo tanto, gardan moitas similitudes cos nosos montes veciñais. Na lei estatal tamén se recolle a obriga da administración de fomentar as agrupacións de propietarios de montes e demais persoas ou entidades interesadas na conservación dos montes e na súa defensa contra os incendios.
Concretando no caso de Galiza, na nosa lei autonómica a Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia regulouse por primeira vez a constitución dos montes de varas, superficies que xunto cos montes veciñais en man común supoñen a existencia de montes nos que dende antigo existen formas de propiedade colectivas.
A maiores da regulación destas formas históricas de propiedade forestal colectiva, a administración tamén se preocupou por intentar crear ferramentas que permitisen a xestión conxunta de diversas propiedades forestais a través dun mesmo instrumento. Así creáronse, dende as antigas UXFOR, hasta as SOFOR actuais ou as agrupacións forestais de xestión conxunta. Todos eles instrumentos cos que a administración intenta fomentar a ordenación do territorio, poñer en valor os predios e a xestión conxunta dos nosos montes.
Neste momento de cambios no sector forestal e de importantes oportunidades para os nosos propietarios e xestores, é no que a figura do técnico forestal cobra unha importancia vital. Un adecuado asesoramento servirá para que os xestores sexan capaces de optar pola mellor forma de organización dos seus montes. Sen esquecer que un estudo en profundidade das potencialidades que ofrecen as súas propiedades fará que os xestores obteñan o máximo beneficio económico, asegurando ademais unha adecuada diversificación dos seus produtos, que non deixe de lado outras posibles formas de obtencións de rendas como poden ser os servicios eco sistémicos ou a certificación forestal.
A PROPIEDADE COLECTIVA EN GALICIA E AS SÚAS PARTICULARIDADES
Montes Veciñais en Man Común
Os montes veciñais en man común son unha das poucas formas de propiedades de terreos en común que logrou sobrevivir á organización municipal do século XIX e ao fenómeno desamortizador.
A lei 52/1968, de 27 de xullo, tivo a honra de recoñecer a figura, con todo, foi sen dúbida a lei 13/1989, de 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, a que deu resposta á necesidade dunha regulación realista dos montes veciñais en man común, propiedade peculiar, que como tantas veces se ten posto de manifesto é un ben característico de Galicia.
Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 ha, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte.
Tendo en conta estes datos, resulta obvio que en Galicia non todo é minifundio, e que xa temos un tipo de propiedade na que non é de todo imprescindible agrupar a superficie de xeito previo a comezar a xestionar.
Con todo, estas propiedades non son alleas aos problemas ocasionados polo abandono do rural. Aproximadamente un 20% das CMVCM serían susceptibles da declaración de abandono ou infrautilización, prevista na lei 7/2012 de montes de Galicia e na lei 11/2021, de recuperación da terra agraria de Galicia, ao non estar nin tan só constituídas. Se a isto engadimos os problemas ocasionados pola falta de definición destes montes, que na súa maioría non están deslindados e á confusión que aínda persiste en canto aos aproveitamentos individualizados e aos dereitos que os comuneiros teñen nesas zonas que veñen sendo aproveitadas de xeito individualizado dende hai anos, veremos que son propiedades con problemas propios e con necesidades inherentes ao papel, sen dúbida intervencionista, que dende sempre tivo a administración neste tipo de propiedade, a cabalo entre o público e o privado.
Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo
O artigo 64 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galiza, define aos montes abertais como “os conservados pro indiviso nos cales os seus copropietarios, sen prexuízo de realizar en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou searas para o aproveitamento privativo das mesmas, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou uso inmemorial, e nos cales a súa adxudicación decídese pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das searas así asignadas conforme ás adquisicións hereditarias ou contractuais”.
A lei 7/2012, de montes de Galicia, tamén recoñece este tipo de montes, e inclúeos dentro dos montes de natureza privada. A regulación dos montes de varas satisfixo unha demanda histórica, outorgando a seguridade xurídica que precisaban estas propiedades, propias da zona da montaña da provincia de Lugo, e asegurando polo tanto a súa persistencia. A norma tamén creou unhas normas de organización e funcionamento para os montes de varas, regulando ademais o rexistro administrativo que manterá a información básica dos mesmos.
Segundo os datos dos indicadores do ano 2022 da Xunta de Galicia, actualmente existen 47 montes de vara rexistrados, os cales suman un total de 9.965,12 ha. Esta cifra, que arroxa unha superficie media de 212 ha, nos da idea de que esta forma de propiedade colectiva, ao igual que sucedía cos montes veciñais en man común, é unha ferramenta importante a ter en conta para a solución do problema do minifundio.
Neste momento existe aínda unha gran confusión en canto a cando un monte se debe inscribir como monte de varas e cando, pola contra, se debe solicitar a súa clasificación como monte veciñal en man común. Se a propia identificación da forma de propiedade xera dúbidas, o mesmo ocorre coa forma na que se deben organizar e xestionar estas comunidades de propietarios.
Para asegurar a persistencia destas formas de propiedade, a existencia de consultores formados e próximos ao territorio será clave para asegurar que o máximo número de montes se inscriban no Rexistro de montes de varas, e que deste xeito, estes montes empecen a ser xestionados de forma activa e profesional.
AGRUPACIÓNS FORESTAIS
Agrupacións de xestión conxunta
A Lei 7/2012, de montes de Galicia, crea como un instrumento de fomento forestal, ás Agrupacións de xestión conxunta. Deste xeito, as persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais que pretendan a súa xestión conxunta de acordo coas normas da lei poderán solicitar o seu recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta.
A Xunta de Galicia mediante a Orde do 26 de abril de 2022 desenvolveu a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa. Mediante este procedemento electrónico calquera das entidades que detallarei a continuación, cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial de Galicia, poderán solicitar o seu recoñecementos como agrupacións forestais de xestión conxunta:
- Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares de los indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galiza.
- Sociedades civís e comunidades de bens.
- Cooperativas e outras entidades de economía social.
- Sociedades agrarias de transformación.
- Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
- Sociedades de fomento forestal.
- Calquera outra persoa que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
- As comunidades de montes veciñais en man común, preferentemente nos casos de aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas estremeiras co límite do monte veciñal.
A creación e xestión deste tipo de asociacións non é algo carente de dificultades técnicas- En primeiro lugar as agrupacións de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas, o que xa de por si supón certo nivel de complexidade tendo en conta o importante grao de fragmentación da propiedade existente en Galicia, en todo caso o marco xurídico, apórtanos unha certa axuda, posto que dese total de hectáreas tan só se deberá acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70%.
Importante tamén como ferramenta de loita contra o abandono, é o feito de que as persoas integrantes destas agrupacións poderán asinar acordos de cesión cos titulares de terreos forestais para o uso e o aproveitamento do seu predio mediante calquera negocio xurídico válido en dereito, non sendo precisa a súa integración como socios.
Estas agrupacións deberán redactar e presentar ante a administración forestal para a súa aprobación un instrumento de ordenación ou xestión forestal para a superficie que integren, no prazo de un ano dende a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Xestión Conxunta de Terreos Forestais, non en vano as agrupacións de xestión conxunta deberán dispor dos servizos para a xestión profesional izada mediante persoal técnico competente en materia forestal. Este persoal técnico será o responsable de elaborar o preceptivo instrumento de ordenación ou xestión e de prestar apoio técnico que asegure unha xestión forestal sostible e un cumprimento dos deberes normativa mente aplicables.
FORMAS DE XESTIÓN CONXUNTA
Dentro dos instrumentos de xestión contidos na Lei 7/2012 de montes de Galicia, existe un tipo pensado especificamente para que un colectivo de xestores planifique e execute a súa xestión de xeito conxunto. Trátase dos Documentos compartidos de xestión forestal.
Deste xeito, calquera colectivo de propietarios que queira facer un estudo dos seus montes, inventariar as súas masas, e planificar a xestión de xeito conxunto pode contactar con persoal técnico competente en materia forestal e encargarlle a redacción dun Documento compartido de xestión forestal.
O feito de que se decida facer unha xestión conxunta das masas, non inflúe na titularidade das propiedades nin na súa configuración física, é dicir, cada propietarios conservará a súa parcela onde a ten e coa superficie e lindeiros que ten na actualidade, asumindo, iso si, un compromiso de realizar as actividades de xestión forestal de xeito conxunto.
A IMPORTANCIA DUN ADECUADO ASESORAMENTO
Tendo en conta as múltiples solucións previstas pola lexislación vixente para o problema de minifundio, resulta patente a importancia que un adecuado asesoramento vai ter na elección da mellor alternativa en canto a elección da forma xurídica responsable de asumir a xestión dos terreos forestais.
O primeiro paso, será o de facer unha correcta lectura da situación histórica dos aproveitamentos que se viñan dando polos veciños e da situación futura que desexan para os seus montes, deste xeito os técnicos poderán consensuar cos xestores e propietarios, primeiro a mellor forma de organizar as súas propiedades e despois a forma de aproveitamento conxunto ou individualizado que sexa máis adecuada para os seus montes.
A comunicación veciña e dedicada do persoal técnico é a única maneira de poder asegurar que as formas organizativas da propiedade sexan as máis adecuadas para as necesidades dos veciños.
Unha vez escollida esta forma organizativa que asegure contar cunha superficie adecuada para empezar a xestionar sostiblemente os nosos montes, o seguinte paso será a redacción do instrumento de xestión que decidirá as actividades a realizar nos seguintes 10 anos, de xeito que se cumpran os obxectivos previstos no instrumento de xestión. Neste punto, resulta imprescindible considerar a opinión e necesidades dos veciños e xestores, e facelos partícipes dun xeito activo da planificación que se fai das actividades de xestión dos seus montes. Os instrumentos de xestión deben ser a consecuencia dun proceso previo de discusión e debate cos veciños, posto que deste xeito se asegurará a implicación cos obxectivos previstos no instrumento dos donos e xestores do monte e polo tanto a máxima utilidade do mesmo.