Por Francisco Pedras
Os montes de frondosas foron o paradigma de fonte de recursos e de servizos para sustento da poboación galega rural e medio-rural, que grazas a eles puideron contar co aprovisionamento e materias primas para a construción de vivenda, fornecer de calor e trebellos para o fogar, cama para o gando e mesmo alimento para animais e persoas.
Os que somos desertores do arado, pero tivemos a inmensa sorte de poder ser testemuñas directas, sen sabelo nin aprecialo no seu día, decatámonos agora, xa máis leídos e viaxados do exquisito artellamento do sistema de vida do rural, onde os nosos pais e nais, avós e avoas, tecían e destecían para sacar proveito, con sentidiño, do monte. As cifras do IFN4 Inventarios Forestais e das estimacións das entidades públicas amosan que en Galicia se presenta a seguinte distribución da superficie dos bosques:
Os bosques de frondosas caducifolias ocupan unhas 415.000 hectáreas e representan case unha terceira parte das masas forestais arboradas de Galicia e as carballeiras puras ou en masas mixtas mesturadas con outras frondosas autóctonas, ocupan preto da quinta parte dos bosques galegos (unhas 320.000 ha de nada).
Sen contar coa gran expansión dos eucaliptos, a progresión arbórea dos carballos foi a máis notable durante o último cuarto do século XX. Os datos dos inventarios forestais nacionais, o IFN2 e IFN3, indican que entre os anos transcorridos entre inventarios, 1987 a 1998, en Galicia a superficie de frondosas autóctonas pasou de 238.372 ha a 396.690 ha, incrementouse, por tanto, a súa superficie nun 66%. Con todo, a superficie de bosques puros diminuíu entre o IFN-3 e o IFN-4, pasando de 187.789 ha a 124.780 ha, respectivamente.
Así, tamén o Quercur robur teríanun incremento importante en Ourense e Lugo (case 32 e unhas 104 mil hectáreas de aumento, respectivamente), co que multiplicarían, en cada caso, por seis as súas superficies inicialmente estimadas no IFN1.
A representatividade de superficie non se reflicte na capacidade de aproveitamento por parte do sector forestal. A Cadea Forestal – Madeira en Galicia 2017 presenta uns resultados de 0,24 millóns de m3 de cortas para frondosas caducifolias (principalmente Quercus spp.) o que representa o 2,8% dos 8,6 millóns de metros cúbicos de aproveitamento realizados en Galicia no mesmo ano (os eucaliptos están en 5 millóns de metros cúbicos e os piñeiros en 3,3 millóns de metros cúbicos).
Esta porcentaxe de cortas industriais de frondosas caducifolias mantense en termos similares nos últimos 20 anos. As estatísticas non inclúen aproveitamentos enerxéticos que citan outras fontes, onde se indica que “Calcúlase que ademais hai polo menos un millón de toneladas máis de frondosas que se cortan para leñas domésticas, cunha porcentaxe de operacións alleas ao control fiscal e estatístico da Xunta de Galicia.

Tendencias e modelos actuais
Neste sentido, o modelo escandinavo conformou a demanda internacional, con moita demanda de madeira barata, branda, branca e fácil de procesar. Dese xeito, pregóanse as bondades de apostar por plantacións de árbores de crecemento rápido por cantidade e rapidez de secuestro carbono, porque o mercado aprecia as madeiras brandas pola súa maior capacidade de adaptación, polas tendencias e modas de madeiras claras, por ser un recurso de venda doada, por ter un custo menor que as frondosas…
Cando falamos de cortar, non o facemos pensando en árbores milenarias, nin en fragas protexidas, senón en aproveitar os recursos naturais que nos toca xestionar, aspirando a obter rendas que nos permita manter unha vida digna e darlle oportunidades ás persoas que apostan por vivir no rural.
Slow Wood
Existen outros propietarios e empresas forestais que pensan que tamén poden aproveitar esta nova tendencia para ofertar produtos e servizos á sociedade, intentando sacar adiante un modelo de xestión con azos de rendibilidade económica, baseado nun monte con especies autóctonas, mais lento pero diverso, multifuncional e sostible que lles permita seguir desfrutando dos montes e doutro xeito de entender a relación co medio rural.
Estas persoas propietarias apostan por vivir nun rural “baleiro” do seu traballo e do aproveitamento dos recursos naturais que lles toca xestionar, aspirando a obter rendas que lles permita manter unha vida digna e darlle oportunidades as súas familias. É o mercado o que demanda e aprecia produtos feitos con madeira de calidade e degustar alimentos saudables, polo que cada vez e necesario importar maiores cantidades de madeira de frondosas, das mesmas especies que son autóctonas de Galicia, e traer alimentos ecolóxicos a Galicia doutras latitudes.
Non coñecemos outros actores máis necesarios e eficientes para manter unha paisaxe resiliente cunha biodiversidade que se pronuncia como o pilar fundamental para o mantemento da nosa sociedade asentando poboación en zonas rurais, valorizando terreos abandonados e redistribuíndo riqueza no territorio.
A valorización e promoción do emprendemento en montes de frondosas autóctonas de Asociación A Monte
Dende a Asociación A Monte propoñemos establecer un plan de actuacións como as seguintes:
- deseñar un modelo de traballo colaborativo de ordenación do territorio, co obxectivo de acadar superficies de xestión mínimas, que permitan propor un enfoque multifuncional e diverso para os nosos montes autóctonos, buscando a necesaria rendibilidade económica.
- articulación de actuacións financeiras e axudas para atraer e impulsar oportunidades de emprendemento local en base á valorización dos ecosistemas forestais autóctonos (polo menos xo solo cun mínimo porcentaxe da intensidade coa que se esta a axudar a outros) sen desdeñar a nova tecnoloxía e a xestión empresarial,
- crear un ecosistema de innovación estable e dotado para fomentar deseños, produtos e propostas innovadoras e cércanas, de proximidade, recoñecibles e certificables
- fortalecer tecnicamente os argumentos e os discursos para tecer alianzas con consumidores, deseñadores e prescriptores onde definir conxuntamente, con confianza, con criterios claros de consumo e impacto social e ambiental,
- visibilizar e amosar os distintos aproveitamentos ecosistémicos, ambientais e culturais apoiados en actividades de economía local.