Abordamos con Ana Busto, da firma pontevedresa Serrerías Rodríguez, a cuarta xeración desta empresa familiar, a situación que atravesa o sector forestal, marcada pola alta demanda de madeira e as subas de prezos. Con ela falamos tamén dos retos que ten por diante a madeira de piñeiro, coa que traballan
Ana Busto Zúñiga é a cuarta xeración de Serrerías Rodríguez, empresa situada en Valga (Pontevedra) que fundou seu bisavó no 1958. Daquela comezou como rematante e pouco despois contaría cunha licenza para serradoiro en Catoira. Ana é tamén a primeira muller desta saga familiar involucrada na dirección da compañía, dirixida actualmente polo seu pai e o seu tío.
Con ela coñecemos as liñas de traballo deste serradoiro, que emprega en exclusiva madeira de piñeiro galega e, na medida do posible, próxima ás súas instalacións. Busto reivindica o papel que representan os serradoiros á hora de fixar poboación e crear emprego no rural.
Preguntámoslle tamén por algúns dos retos que afronta o sector e as consecuencias que están a experimentar, derivadas da situación mundial dos últimos dous anos.
P. Sempre tiveches claro que querías traballar no serradoiro ou estiveches interesada noutros sectores?
R. Quería rematar traballando no serradoiro, pero é verdade que non contaba incorporarme tan axiña como ó final aconteceu. O meu plan inicial era estar algún tempo noutras empresas en diferentes sectores e postos, pero ó final xurdiu unha oportunidade na empresa para cubrir unha vacante e xa quedei. Considero que é positivo ter a experiencia que che pode aportar traballar noutros sectores, pero tamén é bo comezar cedo na empresa, para poder estar en diferentes seccións dentro da compañía para coñecelas, o que che permite ter unha visión máis ampla da empresa.
P. Dende hai case 3 anos es adxunta de dirección da compañía, pero estiveches traballando tamén noutras seccións da empresa. Como resultou esta evolución dentro da firma?
R. Estudei Administración e Dirección de Empresas e logo estiven un ano facendo un máster en Barcelona, que compaxinaba cun traballo noutra empresa do sector, unha firma que traballa con pallets en Tarragona. Nos últimos anos da carreira xa estiven traballando durante os veráns na empresa e foi un xeito de ir coñecendo o serradoiro. Estiven en seccións como a báscula, coa emisión de albaráns, así como na sección de Calidade e Certificación Forestal.
P. Actualmente que funcións ocupan máis o teu día a día na empresa?
R. Encárgome principalmente da xestión de clientes, provedores e do transporte, tanto interno, no que contamos cunha flota de 10 camións; coma no envío de mercadoría a clientes con outros camións. Á marxe diso, ó ser unha empresa familiar, á veces toca encargarse de traballos en distintas áreas.
“Fíxome especial ilusión impulsar a posta en marcha dun proxecto que nos permitiu dixitalizar as descargas, conseguindo unha xestión máis eficaz”
P. Desde que estás no serradoiro, ¿tiveches algún proxecto co que te ilusionases máis ou algún cambio significativo que xa impulsaras ou que queiras levar a cabo?
R. Gústame moito o trato diario coa xente, o que me permite a xestión con clientes e proveedores. Fíxome especial ilusión a posta en marcha dun proxecto, que no seu momento impulsei, e que nos permitiu dixitalizar a xestión das descargas. Fixémolo a través dunha aplicación coa que conseguimos reducir o tempo de espera das descargas. Resultaba útil tanto para os transportistas como para o serradoiro, conseguindo unha xestión máis eficaz. Agora mesmo non o estamos empregando porque cambiou o sistema de entradas, pero imos volver a utilizalo.
P. Á marxe deste programa, estades interesados en avanzar na dixitalización doutros procesos no serradoiro?
R. Na sección de maquinaria estamos apostando moito pola automatización do proceso, buscando reducir o esforzo físico que require o traballo nun serradoiro. Procuramos que o traballador teña que facer un control do proceso máis que un esforzo físico. Levamos dedicado un importante esforzo e recursos neste sentido. Así, cada ano procuramos mellorar o proceso automatizándoo ou introducindo algunha maquinaria que contribúa a iso para incrementar a produtividade e mellorar as condicións de traballo.
P. En que liñas de negocio estades centrados en Serrerías Rodríguez?
R. A principal liña de traballo, que supón o 80% da produción, é procesar madeira para a fabricación de europalet, que se emprega no sector da alimentación. Estamos moi especializados nesa liña, xa que vendemos non só a empresas que fabrican ese tipo de palet, senón que tamén lle vendemos a compañías que os reparan. No caso destas últimas, dende Serrerías Rodríguez xa lle proporcionamos as táboas listas para que substituían as danadas dun xeito fácil. Proporcionámoslle dende o taco cortado a medida ata a táboa pintada da cor que se emprega nese tipo de palet. Así, simplemente teñen que cambiar o elemento danado polo novo.
Por outra banda, no 20% restante da produción, estamos centrados en carpintería, sobre todo na esqueletaxe de sofás.
P. Como ves o futuro da empresa?
R. A liña de negocio con maior proxección de futuro é o palet. De feito, dende fai un ano estamos a ter unha demanda moi alta de táboa para embalaxe. Entre outras razóns, o incremento da demanda debeuse ós cambios que se produciron nos últimos dous anos nos fluxos do comercio, que tamén nos afectaron. Moita da madeira que viña de países como Chile ou Brasil deixou de chegar non só porque noutros mercados como Estados Unidos a estivesen pagando máis, senón polo aumento dos custos dos fletes.
Iso provocou que aquelas empresas que mercaban ese tipo de madeira xa non lles compensase, o que repercutiu nese incremento da demanda nacional. A guerra de Ucraína tamén afectou, xa que a madeira procedente de países coma Rusia ou Bielorrusia está a ter moitas restricións.
P. Segue manténdose a demanda?
R. Polo momento no sector da embalaxe segue a tendencia e mantense a demanda, aínda que é certo que hai certa incerteza co que ocorrerá tralo verán, ó igual que acontece noutros sectores.
P. Estades centrados no mercado nacional ou tamén comercializades noutros destinos?
R. Traballamos principalmente no mercado nacional, pero un 30% da nosa produción expórtase a Portugal, Italia e Francia.
“O último ano tivemos bastantes problemas de abastecemento e en setembro do 2021 a pouca madeira que conseguiamos de montes galegos case nos obriga a parar a liña de produción”
P. No voso caso traballades só con madeira de piñeiro, de que maneira vos afectou o incremento dos prezos desta madeira que se viviu ata o verán deste ano?
R. Nós traballamos só con madeira de piñeiro galega e preferiblemente de proximidade. Nos últimos anos, co incremento da produción que experimentamos, tivemos que incrementar tamén a entrada de madeira doutras provincias galegas, coma Lugo ou Ourense, xa que antes traballabamos maioritariamente con madeira local.
Dende hai un ano tivemos bastantes problemas de abastecemento. En setembro do ano pasado a pouca madeira que conseguiamos case nos obriga a parar a liña de produción. Despois diso conseguiuse mellorar algo a situación, pero houbo subas dos prezos da madeira cada semana. Produciuse un incremento dos prezos moi continuo nun mercado que era moi estable, xa que non había estas grandes variacións.
Tamén é verdade que, se o mercado o soporta, este incremento dos prezos é positivo, xa que se revaloriza o monte, podendo pagar máis ós nosos proveedores e eles ós propietarios forestais, de xeito que tamén haxa maior interese por plantar piñeiro, ó obter rendibilidade.
P. A suba dos prezos da madeira do piñeiro pode axudar a reverter a retroceso das masas de piñeiro que se está a rexistrar dende hai anos fronte a outras especies?
R. Dende logo, xa que se o piñeiro ten maior valor hai máis interese por plantar e por facer unha silvicultura axeitada coa que lograr maior rendibilidade. En definitiva, é un xeito de coidar máis o monte e que teña maior valor. Ademais, cómpre ter presente que o piñeiro é unha madeira que pode ter un gran futuro con aproveitamentos como a embalaxe, a construción ou moitos outros ámbitos. A madeira, como material sostible, vai ter unha alta demanda nun futuro.
P. Segue habendo gran demanda de madeira de piñeiro galego?
R. Houbo moita demanda de madeira tanto de Portugal coma de compradores do resto de España que viñeron a Galicia a mercar moita madeira en rolla, o que provocou que fosen meses complicados por esa demanda superior á oferta. Agora mesmo estabilizouse un pouco a situación, sen saber moi ben se se debe a unha baixada da produción no sector ou a que se reduciu a demanda exterior.
P. Como valoras a situación actual do piñeiro galego?
R. Estamos nun momento complicado e de incerteza non só polos condicionantes a nivel mundial, que afectan directamente no mercado, senón porque non se sabe ben nin a cantidade de madeira de piñeiro que hai no monte. Nese sentido é moi importante o traballo que se está facendo dende a Fundación Arume para potenciar tanto a plantación de piñeiro como a madeira de calidade ou o emprego da madeira de piñeiro.
P. No voso caso, vedes factible apostar por unha maior valorización da madeira de piñeiro con outras liñas de negocio?
R. Polo momento non temos proxectos nesa dirección porque estamos moi especializados e centrados no sector da embalaxe, pero son temas a ter en conta. Agora estamos centrados na fabricación do palé e enfocados en produción e contamos con maquinaria moi específica para satisfacer as demandas dos nosos clientes. É unha porta que deixamos aberta e que non descartamos.
P. Que produción manexades en Serrerías Rodríguez?
R. Consumimos unhas 550 toneladas de rolla ó día e temos unha produción duns 6.000 metros cúbicos mensuais.
“Os nosos principais clientes esíxennos dende hai moitos anos contar con certificacións forestais, así hoxe o 80% da madeira coa que traballamos está certificada”
P. Apostades tamén pola certificación forestal, precisades este tipo de certificados nos mercados nos que traballades?
R. Traballamos indirectamente con dúas multinacionais da fabricación dos europalets, empregados sobre todo no sector da alimentación, e estas empresas esíxennos dende hai anos que toda a madeira conte con certificación forestal. De feito, a introdución na certificación fixémola porque nos pedían contar con este tipo de selos. Fomos comenzando pouco a pouco a incluílos e hoxe o 80% das nosas vendas teñen certificación PEFC, aínda que tamén estamos certificados en FSC.
P. Cales son os retos que se lle presentan ó sector forestal galego?
R. O sector forestal galego é xa moi puxante, pero creo que aínda o vai ser máis pola alta demanda que vai ter a madeira nos próximos anos, por iso coido que é importante que toda a cadea de valor traballemos unidos, dende asociacións de propietarios, rematantes, serradoiros, industrias… para prepararse de xeito que saibamos adaptarnos e atender esa demanda, sen deixar pasar a oportunidade.
P. Que lle pedirías ás Administracións para apoiar ó sector forestal galego?
R. Que non sexa tan cortopracista en toma de decisións políticas, xa que o sector forestal precisa de medidas e actuacións que estean máis enfocadas a longo prazo.
P. Un dos retos que se lle presentan a moitos sectores é a falta de remuda xeracional, como o estás vendo no ámbito forestal?
R. Coido que é un sector no que está habendo moita xente nova interesada nel e que vén con forza, ganas de traballar e preparada. Ademais, aínda que segue a ser un sector onde a maioría son homes, cada vez hai máis presenza de mulleres en distintas áreas. Na nosa empresa o 12% dos empregados son mulleres e moitas delas na liña de produción, polo que se van dando pasos tamén neste senso.