Conecta Savia

O futuro dos nosos montes é de todos

Amancio Lavandeira, xestión forestal no concello de Coristanco: “Para fixar poboación no rural, cómpre incentivar a creación de postos de traballo”

Amancio Lavandeira, xestión forestal no concello de Coristanco: “Para fixar poboación no rural, cómpre incentivar a creación de postos de traballo”

Amancio Lavandeira Suárez, dedícase á xestión forestal sostible no concello de Coristanco (A Coruña), no lugar de Nogueira, pertencente á parroquia de Seavia. Amancio compaxina a xestión forestal coa súa profesión de mestre no ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural impartido na EFA Fonteboa. Aos seus 55 anos, Amancio declárase amante da natureza e da paisaxe tradicional galega.

Pregunta: Como se introduciu no mundo forestal?

Resposta: Todo comezou cando herdei unhas oito hectáreas de montes, repartidas en dúas pezas. Aí foi cando comecei a interesarme na xestión forestal.

 

P: Que especies ten plantadas e con que obxectivo?

R: Principalmente piñeiro, pero tamén dispoño de zonas de fraga autóctona, con castiñeiros e carballos. De cara ao futuro gustaríame plantar máis especies froiteiras para ter unha maior diversidade.

 

P: Como coñeceu as certificacións forestais e porque decidiu certificar as súas parcelas?

R: Na EFA Fonteboa organizamos xornadas para que o alumnado coñeza as alternativas existentes en canto á xestión forestal, para que coñezan as regulacións europeas e as tendencias do mercado. Cando tiven a oportunidade, vin claro que ter os montes certificados é unha maneira de darlle un valor engadido á produción das parcelas.

 

P: A ferramenta Bikenta permite xestionar os montes. Que aspectos son os que máis lle gustan?

R: Estou contento coa ferramenta, é moi interesante poder controlar dende o móbil a xestión do monte. Creo que o máis interesante son as opcións de ter as localizacións das fincas e os inventarios. Ademais se pode complementar con outros instrumentos para mellorar a xestión forestal.

 

P:  Cales son os principais problemas cos que ten que lidar o monte en Galicia?

Os incendios forestais é un deles, producidos polo abandono do rural. Outro problema é a falta de mercado para todo produto forestal que non sexa o eucalipto, o que agudiza o monocultivo desta especie. Ademais, vinculado cos monocultivos, temos as pragas e as enfermidades.

 

P: Dun tempo a esta parte fálase moito da “España baleira”. Que medidas habería que adoptar para evitar o despoboamento do rural? 

R: Se queremos fixar poboación no rural as políticas deberían incentivar a creación de valor engadido neste espazo, creando máis postos de traballo e perderíase menos poboación. Na escola tamén insistimos na importancia de fixar á poboación, de que as persoas que traballan no rural tamén residan na contorna.

 

P: Os lumes sufrímolos cada ano en Galicia e, cando os montes están abandonados, os incendios son máis virulentos e difíciles de controlar.

R: Hai unha relación directa entre o nivel de abandono e o número de incendios. Os lugares nos que o monte está ben traballado, ordenado e limpo, sofren menos lumes. Unha posible solución sería darlle maior valor engadido á produción do monte, apoiar á xente vinculando as subvencións ás boas prácticas, á diversificación do monte, a fixación da poboación na contorna, á gandería extensiva… Outra opción que se fai noutros países, sería que a Administración limpase os montes descoidados e, posteriormente, cobre aos propietarios ou lles desconte o custo da limpeza no momento de vender a madeira. Deste xeito, ademais e reducir o perigo de incendios, crearíamos postos de traballo.

 

P: E o fenómeno do monocultivo no monte, como podería reducirse?

R: A Administración podería impulsar outro modelo de explotación forestal para evitar o monocultivo do eucalipto. Para iso, habería que primar a introdución de especies autóctonas, de quendas longas, que facilitasen outros rendementos do monte, con maior diversidade, que facilitasen sistemas silvopastorais extensivos, que posiblemente darían bos rendementos económicos, diversificados, e permitirían reducir o monocultivo e as problemáticas que carrexan no referente á biodiversidade. Darían maior poder de negociación aos pequenos propietarios e permitirían ter ingresos de xeito continuado. Parte do problema ven de que hoxe practicamente non hai mercado para a madeira que non sexa de eucalipto. A madeira dos castiñeiros non se debería pagar a prezo de biomasa. Se queres producir algo diferente do eucalipto ou o piñeiro, é moi difícil atopar quen o merque, e así a xente non se vai pensar en cambiar de cultivos. Entre que non hai un mercado para esas madeiras, que ademais de ser boas permiten outro tipo de aproveitamentos, e que non se fai unha silvicultura axeitada para a produción dese tipo de madeiras que temos nos nosos montes, ao final acabamos importando madeira de castiñeiro ou de carballo.

 

P: Que opinión ten do resto de actores no sector: madeiristas, serradoiros, industria, empresas de servizos?

R: Perdéronse moitos oficios que había antes ao redor da madeira. Hoxe as grandes empresas concentran moito poder, o que deixa aos propietarios e as pequenas empresas con pouco poder de negociación. Os madeiristas, que en moitos casos axudan á hora de vender a madeira e de dar solucións aos propietarios, ás veces fan grandes desfeitas en pistas, valados… Os serradoiros tamén teñen unha parte nas problemáticas, agora todo está orientado á madeira que lle interesa á gran industria, así cando hai madeiras para serra diferentes das habituais, todo son problemas, porque para eles ten un custo alto cambiar os elementos do procesado para adaptalos a outros tipos de madeiras.

 

P: Cal é o modelo forestal que se debería apoiar?

R: Para ter montes sostibles, un medio rural vivo e manter a nosa paisaxe, hai que apoiar modelos alternativos ao do cultivos intensivo para a celulosa. Cómpre poñer en marcha modelos que aposten por especies autóctonas, que xeren valor engadido e que faciliten a creación de emprego. Por exemplo, paréceme ridículo que a IXP Castaña de Galicia non se aplique para todo o territorio, porque así desincentívase a produción de castiñeiros, xa que a castaña das zonas que non entran dentro do ámbito territorial da IXP ten moito menos valor.

 

P: Gustaríanos saber a súa opinión con respecto á problemática do minifundio e, por asociación, ao relevo xeracional nas explotacións forestais.

No problema do minifundio hai iniciativas de asociacións de produtores, consorcios…, pero o seu éxito pasa por incentivar as plantacións máis axeitadas para cada zona, identificar aos titulares de moitas parcelas. A administración tamén tería aquí unha oportunidade para incentivar ese agrupamento, e así procurar que pequenas parcelas non queden abandonadas porque os propietarios non teñen maneira de rendibilizalas.

 

P: Por último, unha das características deste minifundio en Galicia é o xeito no que se reparten as herdanzas entre varias persoas.

R: Tamén hai solucións, por exemplo, cando se reparte unha finca entre varios, pódese empregar o pro indiviso para facilitar a xestión. Os gastos e os rendementos do monte divídense entre os propietarios proporcionalmente. Por outra banda, a Administración podería fixar unhas dimensións mínimas das parcelas e evitar as divisións excesivas.